O ’20ª Día da Bici’ converterá ao Carballiño nunha gran festa deportiva o vindeiro domingo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A vila do Arenteiro acolle este vindeiro domingo unha gran festa deportiva coa celebración do ‘Día da Bici’, que acada a súa vixésima edición baixo a organización da Concellería de Deportes e a colaboración de ‘Máis Deporte’ de La Región, o ximnasio Kórpore e o Club Ciclista Carballiño. A presentación deste evento tivo lugar esta mañá na praza da Veracruz, coa presenza do concelleiro de Deportes, José Castro; o representante de ‘Máis Deporte’, Lalo Rodríguez, e a xerente de Kórpore, Rebeca Amil.

O programa desta actividade, cuxo comezo está previsto para as 11,30 horas e que ten o obxectivo da práctica saudable e deportiva en familia, contempla un total de tres percorridos de paseo en bicicleta: un para os máis cativos, que consistirá nunha volta á devandita praza; outro mediano de 4 quilómetros, ata o Parque Municipal, e un terceiro de 8 quilómetros ata a contorna da localidade de Mesego, sempre con retorno ao punto de saída da Veracruz.

José Castro apuntou que o evento estará amenizado musicalmente polo Tibu, reparto de camisetas conmemorativas e o sorteo de bicicletas e outros agasallos cedidos polas casas comerciais patrocinadoras. Na edición do pasado ano, foron 250 os deportistas que participaron nesta xornada deportiva.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------