Iago Tabarés e Xosé Manuel Puga reclaman coordinación institucional e o cumprimento dos compromisos adquiridos para garantir un servizo esencial para a comarca
Ourense, 20 de outubro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego volveu reclamar hoxe a posta en marcha do transporte metropolitano de Ourense, un proxecto “fundamental para o benestar da cidadanía e para o acceso aos servizos públicos” que continúa paralizado despois de máis dunha década de anuncios e promesas incumpridas por parte da Xunta de Galiza, a Deputación e o Concello de Ourense.
Nunha rolda de prensa celebrada no intercambiador da Alameda, o deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés, e o deputado provincial Xosé Manuel Puga, denunciaron “o desleixo e a inacción do Partido Popular e de Democracia Ourensá” que manteñen “durmindo o sono dos xustos” un proxecto clave para a comarca.
“Estamos a apenas 50 metros da Praza de Abastos, nun espazo que simboliza á perfección a nefasta xestión do PP e de DO. Dous proxectos fundamentais para Ourense, o propio intercambiador e o transporte metropolitano, fican a medio facer: un paralizado, e o outro aínda en pañais”, denunciou Iago Tabarés.
O deputado nacionalista lembrou que a Xunta de Galiza leva meses sen cumprir o compromiso de realizar o estudo de afectación e negociación coas concesionarias das liñas intermunicipais, o que impide avanzar na posta en marcha do servizo.
“Sen ese traballo previo, o transporte metropolitano seguirá bloqueado durante anos, o que é inasumíbel para o medio ambiente, para a cidadanía e para o acceso aos servizos públicos”, advertiu Tabarés.
Pola súa banda, o deputado provincial Xosé Manuel Puga fixo un repaso do longo historial de anuncios incumpridos que arrastra o proxecto desde 2015, cando o PP anunciou por primeira vez a súa posta en marcha.
“Estamos en 2025 e seguimos sen transporte metropolitano. No último ano mesmo se creou un grupo de traballo na Deputación con representación dos catro grupos, mais seguimos sen avances reais. Cada administración bota balóns fóra e as contradicións entre o alcalde de Ourense e o presidente da Deputación son constantes”, explicou.
Puga anunciou que o BNG presentará un escrito para que o asunto se aborde nas comisións informativas da Deputación de Ourense deste mércores, co obxectivo de esixir transparencia e respostas concretas sobre o estado do proxecto.
“Queremos saber se a Xunta fixo a reconfiguración das liñas á que se comprometera, se o Concello de Ourense presentou o orzamento e os puntos de intercambio, e onde está realmente o bloqueo. O que non pode ser é que cada ano volvamos ao punto de partida, no día da marmota”, afirmou.
O BNG lembra que a posta en marcha do transporte metropolitano é tamén urxente por razóns ambientais e de mobilidade, xa que Ourense vén de aprobar a zona de baixas emisións.
“Se non se activa o servizo, moita xente dos concellos da contorna non poderá acceder á cidade, o que é un novo golpe á veciñanza e unha contradición coa política ambiental”, subliñou Puga.
Os representantes nacionalistas reclamaron que Xunta de Galiza, Deputación e Concello deixen de escudarse uns nos outros e traballen conxuntamente para facer realidade un proxecto estratéxico para a comarca.
Para o BNG Non hai escusas posibles. Ourense precisa un transporte metropolitano moderno, eficiente e coordinado.