A prevención hixiénica fronte ó VIH, e a realización da proba rápida ante un comportamento de risco coñecido, ferramentas fundamentais fronte ó virus.
O estigma e a discriminación dos afectados segue presente no laboral, no acceso a préstamos ou seguros e na vida social.
O Comité Cidadán, con máis de 30 anos de historia, mantén os seus servizos e programas de prevención e apoio.
Ourense, 1 de decembro de 2025 No Día mundial de loita contra a sida de 2025, o Comité cidadán anti sida de
Ourense volve reivindicar que a sida é xa unicamente unha enfermidade crónica
máis; seria, que é moi necesario previr, pero cronificable. Os avances nos tratamentos remataron coa consideración de mortal, e as persoas afectadas poden vivir moitos anos con normalidade, coidándose. Os tratamentos que reducen a carga viral logran que o VIH poda chegar a ser indetectable nunha análise; isto significa que tamén é intransmisible.
Con todo, malia os grandes avances nas terapias, a prevención segue a ser a mellor ferramenta fronte ó VIH e a sida, especialmente entre os máis novos e os que manteñen prácticas de risco. A utilización de preservativos nas relación sexuais, de material dun só uso nas inxeccións e non compartir ningún instrumento que poda ter contacto co sangue, mesmo os tubiños para esnifar, son cautelas fundamentais para evitar contraer o VIH.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ante a mínima sospeita de que se poda ter establecido contacto co virus é necesario e urxente realizar unha análise, que pode ser a “proba rápida” de detección de anticorpos fronte ó VIH que se fai sobre unha pinga de sangue tomada dunha picada nun dedo ou de saliva. No local do Comité Cidadán Anti sida de Ourense, rúa Coenga, e no de “Apoyo Positivo”, Habana 43, 2º esquerda, podes efectuar esa proba rápida, segura, discreta e gratuitamente. A metade das novas infeccións por VIH se detectan tardiamente, complicando os riscos.
A situación social complica a vida das persoas afectadas
Malia os avances nos tratamentos e as evidencias científicas, o estigma social segue acompañando ó VIH e a sida. Estigma que pesa no laboral, e que pode supoñer a perda dunha oportunidade de formación ou dun contrato laboral. Estigma que condiciona á hora de contratar un seguro, un préstamo bancario, unha hipoteca e mesmo un alugueiro. Estigma que provoca o rexeitamento persoal e marxina en relacións sociais.
Ante ese estigma hai persoas especialmente expostas ou que sofren maiores prexuízos: As obrigadas á marxinalidade ou á precariedade económica pola falta de emprego. As traballadoras en precario, que poden resultar excluídas ao coñecer a empresa, mediante unha análise non consentida, que son seropositivas. Persoas sen teito nin os mínimos vitais dignos. Adolescentes, ás que o sistema educativo segue sen preparar fronte ós riscos das drogas ou das infeccións de transmisión sexual.
Persoas migrantes, especialmente as sen papeis, expostas a todo tipo de explotación ou precariedade. As que fan consumos conflitivos de drogas. As que están en prisión, as que padecen enfermidades mentais, as traballadoras e traballadores do sexo ou as vítimas de violencia de xénero. Persoas con diversidade sexual abocadas nalgúns casos a vivi-la súa natureza clandestinamente e con riscos inxustos e innecesarios.
O movemento solidario fronte á sida mantén as súas demandas sociais
Reivindicamos recursos e servizos comunitarios de apoio abondo, económicos, sociais e sanitarios, sinaladamente os que afectan á saúde mental. Políticas de reducción de risco e dano no uso de drogas. Rematar coa criminalización das toxicomanías, que son enfermidades. Crear portas de saída e solucións axeitadas para rachar os círculos viciosos da exclusión e da marxinalidade. Ninguén elixe libremente vivir fóra da sociedade para prexudicarse; a maioría cae fóra dela pola súa historia familiar ou persoal. O camiño de volta é sempre moi difícil; e a inxusta sociedade de consumo e opulencia na que vivimos non é xenerosa coas que non lle seguen o xogo ou non lle dan levado o ritmo.
O traballo do Comité Anti Sida, un bo veciño do casco vello de Ourense
O Comité Cidadán Anti Sida de Ourense acumula máis de 30 anos de traballo e de éxitos a prol da prevención, o apoio ós afectados e a normalización social do VIH sida. Mantén aberta unha Casa de Acollida para persoas en situación de emerxencia social. Sostén, no seu local da rúa Coenga, no casco vello da cidade, o servizo Calor e café onde a diario ducias de persoas, que viven na precariedade económica ou social, achan un café quente, algo sólido que almorzar e, sobre todo, humanidade. 30 anos visitando e asistindo ás persoas presas. Facendo probas rápidas e gratuitas para detectar o VIH, ofrecendo apoio psicolóxico, orientación social, información sobre saúde, axuda para xestións, acceso ós recursos dixitais, intercambio de xiringas ou entregando preservativos. Tamén segue o Comité na reivindicación permanente fronte ás Administracións públicas e ós axentes sociais de políticas e realidades que axuden a previr, frear o VIH ou vivir con el ou con sida. Loitando para que desapareza o estigma social que aínda pesa sobre as persoas afectadas.
Denunciando inxustizas e defendendo ós máis expostos e febles.
Actividades arredor do Día mundial de loita contra a sida en Ourense
- O 1 de decembro as luces que aluman a Ponte Vella, a fonte de Concepción Arenal e a Sub Delegación do Goberno serán vermellas, a cor da loita contra a sida.
- No campus haberá un panel onde os alumnos anotarán casos e situacións de estigma que sufriron ou presenciaron.
- As redes sociais do Comité difundirán vídeos sobre prácticas de risco, prevención, estigma, discriminación e solidariedade.
- O sábado 5 de decembro, en colaboración con Apoio Positivo, haberá reparto de información, lazos vermellos e preservativos en locais de ocio de xente nova do casco histórico.

















