O Centro de Estudios Chamoso Lamas fará entrega este próximo sábado, 13 de decembro, do galardón “Torques de Honra 2025” á Dra. Mª Generosa Souto Figueroa en recoñecemento á súa traxectoria no estudo químico-analítico das augas termais e mineiromedicinais, en especial as da provincia de Ourense, impulsando a súa valorización como recurso terapéutico e patrimonial.
Dona María Generosa Souto Figueroa, coñecida popularmente como Marita Souto, é un referente internacional en hidroloxía médica e termalismo científico, e en febreiro deste mesmo ano ingresou como Académica de Número na Real Academia Europea de Doctores.
María G. Souto é doutora en Ciencias Químicas, Catedrática de Física e Química, Licenciada en Farmacia, Conseiller Technique de la Société Française de Termalisme e de Thalassothérapie pour la Santé Bucco-Dentaire, Delegada da Femtec en España. Os seus traballos de investigación figuran en numerosas publicacións e participa nos principais foros e congresos internacionais de termalismo. Asemade, no Carballiño, gárdaselle un grato recordo da súa etapa como directora e docente do IES nº 1 da vila na década dos anos oitenta.
No acto deste sábado, que comezará ás 20,30 horas e ao que confirmou a súa asistencia o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, farase entrega á galardoada dunha peza artesanal do artista carballiñés Chicho Carballido, elaborada para esta ocasión. Asemade, a doutora Souto Figueroa disertará sobre “Os pilares do termalismo terapéutico no Sistema Nacional de Saúde: unha estratexia innovadora para a saúde pública e o desenvolvemento sostible. Análise histórica, xustificación científica e propostas de implementacións”.
O Torques de Honra, que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bienal “en recoñecemento do labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro”, é o undécimo que se concece desde a súa creación no ano 2008.
TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA
O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de once galardóns, tres de xeito extraordinario e oito con carácter ordinario e bienal, sendo este último o undécimo:
- Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
- En 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira.
- En 2011 ao Almanaque Agrícola.
- En 2013 a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira.
- En 2015 ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra.
- En 2017 entregouse ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
- En 2019 concedeuse ao Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.
- En 2023 concedeuse ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que recolleu o seu director, Pablo Sánchez Ferro.

















