Como é debido, así queremos ser coidadas as persoas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
Coblages, unha metodoloxía para utilizar a aprendizaxe baseada na Comunidade coma ferramenta

E así de sintéticas e acertadas foron as tres amigas do CDR O Viso, tres partes do CDR máis ben, nun proxecto de investigación europeo no que estamos participando. Estas sabias palabras van ir dende Lodoselo ata o Campus de Ourense da Universidade de Vigo, cruzarán o Miño para chegar ata a Universidade de Viseu e ó proxecto Aproximar de Amadora, logo pararán en Romanía na Universidade de Timisoara e na Asociación Europea para a Innovación Social de Bucarest antes de chegar á Universidade Bilim de Ankara en Turquía.

Porque é a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense a que participa desde setembro de 2023 e ata febreiro de 2026 no proxecto europeo Coblages; nel, socios de catro países promoven unha metodoloxía para utilizar a aprendizaxe baseada na Comunidade coma unha ferramenta na preparación de estudantes de educación superior para un mundo que envellece.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Cun equipo ” as toleiras” (morea de terróns de facer as presas para regar os lameiros que se queiman) de nove persoas capitaneado por elas tres (Avelina de Sabariz, Claudina de Lobaces e Rosa de Fontearcada) o CDR colaborou nesta investigación que pretende estudar a capacidade de xeración de ideas dos grupos interxeracionais. Para iso tamén se convidou ó Brais de Cortegada e de Faramontaos e á Selena de Vixueses en Maceda. A premisa era clara: aprender para coidar mellor.
Podemos concluír que os principais factores que determinan os coidados nas persoas idosas son ter ou non ter saúde e ter ou non ter quen mire por elas no día a día. Iso non quere dicir ter ou non ter familia ou ter ou non ter amor, significa ter a alguén cerca. Outras claves que nos deixou este exercicio de reflexión son a importancia dunha boa e equilibrada alimentación ou a conveniencia de esforzarse algo no día a día física e mentalmente.
O equipo de traballo atreveuse a trazar unhas recomendacións para que as persoas coidadoras profesionais poidan facer a súa labor desde o amor conxugado co rigor: a súa función é guiar e propoñer, deben detectar as necesidades e para iso usar cantos métodos poidan, han de proveer a cobertura das necesidades atopadas e axudarán sempre sen restarlle autonomía ás persoas coidadas.
No CDR temos o convencemento de que someter ó debate colectivo e á reflexión esta cuestión é máis que unha oportunidade de aprendizaxe; é unha obriga.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------