O Pleno do Parlamento de Galicia ratificou a reelección da maxistrada María Dolores Fernández Galiño como Valedora do Pobo para un novo mandato de cinco anos.
O día 19 de febreiro de 2026, ás 10.30 horas, no Pazo do Parlamento de Galicia tera lugar o acto de Toma de Posesión.
Nacida no Carballiño onde fixo o Bacharelato no IES Nº1 , é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1981-1986) e diplomada en Práctica Xurídica pola Universidade de Santiago de Compostela (1985-1986).
En 1989 superou as oposicións de ingreso na carreira xudicial e tamén as oposicións de ingreso na carreira fiscal.
Na carreira xudicial estivo destinada, de 1990 a 1992, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ponteareas. Ascendeu en 1992 á categoría de maxistrada, con destino de 1992 a 2001 no Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra. Desde 2001 estivo destinada na Sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña.
Na Carreira Fiscal atópase, desde o seu ingreso, coa categoría de avogada-fiscal, en excedencia.
Ten recoñecida a especialización de Dereito Civil de Galicia.
Fernández Galiño, que ocupa o cargo desde 2019 e exerceuno de forma interina desde agosto de 2024, recibiu o respaldo de 61 votos a favor e 9 votos en branco. A proposta da súa reelección xurdiu dun acordo entre o Partido Popular de Galicia (PP) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG), e contou tamén co apoio expreso do deputado de Democracia Ourensá (DO).
Pola súa banda, os deputados do PSdeG-PSOE optaron por votar en branco, a pesar de apoiar a súa candidatura na Comisión de Peticións por “respecto institucional”. Tras a votación en urna celebrada no hemiciclo, o seguinte paso será a proposta e designación da persoa que ocupará a Adjuntía da Valedora do Pobo.

Continuidade nunha liña feminista, de defensa dos dereitos humanos e compromiso ambiental. Na súa comparecencia ante a Comisión de Peticións do Parlamento o pasado mes de xaneiro, María Dolores Fernández Galiño reafirmou o seu compromiso cos mesmos principios que guiaron o seu labor desde 2019: independencia institucional, promoción da igualdade, loita contra a violencia de xénero, prevención e erradicación do acoso, combate contra tráta e outras formas de explotación humana, recoñecemento dos dereitos das persoas con diversidade funcional, eliminación de toda discriminación e apoio a colectivos en situación de vulnerabilidade.
A Valedora destacou tamén a sua defensa dos dereitos dixitais, o fortalecemento de institucións sólidas e a protección do medioambiente como eixos centrais da súa actuación. “En todos estes anos apliquei estes principios en contextos ás veces moi difíciles e extremos, como a pandemia, a invasión de Ucraína ou a guerra en Gaza”, sinalou.
Fernández Galiño puxo en valor o notable incremento da actividade da institución durante o seu mandato, cun aumento sostido do número de queixas cada ano. Segundo o último informe anual, os ámbitos de sanidade e servizos sociais seguen concentrando a maior parte das preocupacións da cidadanía galega.A reelixida Valedora do Pobo reiterou a súa vontade de seguir traballando “por fortalecer os dereitos de todas as galegas e galegos, desde a independencia e cun compromiso firme coa xustiza social, a igualdade e a sustentabilidade”

















