O Bloque Nacionalista Galego vén de conseguir o compromiso do Goberno do Estado para acometer actuacións de mellora da seguranza viaria na estrada N-120 ao seu paso polo termo municipal de Cenlle despois das iniciativas rexistradas nas Cortes do Estado onde se reclamaban medidas urxentes para protexer a veciñanza. Concretamente, foi a senadora María Carmen Da Silva Méndez, do BNG (na imaxe), quen formulara, no pasado mes de outubro, unha serie de preguntas ao Goberno do Estado sobre a seguranza viaria no tramo da estrada N-120 (Madrid-Vigo) ao seu paso por este municipio da comarca do Ribeiro.
Na súa resposta oficial, o Goberno confirma que incluirá na programación de actuacións na Rede de Estradas do Estado en Ourense para o ano 2026 a renovación da sinalización vertical que sexa necesaria e a implantación de nova sinalización nas travesías deste tramo da N-120. Un compromiso que o BNG considera froito directo da súa iniciativa parlamentaria e da presión exercida para atender as demandas da veciñanza.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Aínda que o executivo afirma que, tras analizar as variables de tráfico e os parámetros do tramo, o seu estado é “correcto actualmente”, recoñece a necesidade de actuar na mellora da sinalización, unha cuestión que o BNG puxo enriba da mesa como parte das solucións necesarias para reforzar a seguranza.
Ademais, o Goberno lembra actuacións xa realizadas nos últimos anos, como as obras de humanización na travesía de Razamonde —co obxectivo de mellorar a seguranza peonil e a drenaxe— e o reforzo do firme no punto quilométrico 585+400. Porén, para o BNG estas intervencións resultan insuficientes ante as demandas existentes nos distintos núcleos do municipio.
O voceiro do BNG na Corporación Municipal de Cenlle, Xosé Gabriel Alberte, sinala que o BNG seguirá insistindo na necesidade de instalar pasos de peóns elevados ou regulados por semáforos a demanda nos puntos máis conflitivos, así como medidas eficaces de control da velocidade, tal e como reclamaba nas iniciativas presentadas. “O recoñecemento da necesidade de actuar e o anuncio de novas medidas demostran que tiñamos razón. Agora cómpre concretar prazos e actuacións que garantan unha verdadeira protección das persoas” sinala o portavoz nacionalista.

















