‘O Clowncurso 2026’ propón no Carballiño un programa de espectáculos para desfrutar da Semana Santa dun xeito diferente

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Escola Galega de Clowns organiza a segunda edición de “O Clowncurso” coa colaboración do Concello do Carballiño, un encontro adicado á arte do clown que se celebrará na vila do Arenteiro do 30 de marzo ao 4 de abril. A presentación da programación tivo lugar na mañá de hoxe no Consistorio coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o director do festival, Jouse García.

Diego Fernández agradeceu a aposta da Escola e do propio Jouse García polo Carballiño para este evento e convidou “a toda a veciñanza a asistir a esta Semana Santa do humor, xa que terán a oportunidade de gañar saúde nestes tempos convulsos”, ademais de lembrar que será o recoñecido actor e pallaso Pepe Viyuela o encargado de abrir o festival, o vindeiro luns, día 30, ás 20,30 horas, no Auditorio Manuel María.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ao respecto, García suliñou que as entradas para ver o espectáculo “Encerrona” de Viyuela “xa non están á venda en dixital e sí se poderán mercar na taquilla do Auditorio Manuel María o luns dende as sete da tarde”, cun prezo de 20 euros. Ademais da participación deste artista, o festival tamén contará coa mestra internacional Hilary Chaplain, que virá dende os Estados Unidos para impartir un curso intensivo de clown do 31 de marzo ao 4 de abril, con prazas limitadas a 16 participantes e un prezo de matrícuila de 285 euros.

Por outra banda, o Auditorio Manuel Maria acollerá, do 31 de marzo ao 3 de abril, os catro espectáculos seleccionados para participar no ‘Clowncurso’, que serán votados polo público asistente para elexir o gañador, que recibirá un premio de 1.500 euros. Abrirá o programa a compañía Novadak, de Navarra, con “Soka”, o martes 31, seguida do galego Fredi Muiño, que presenta “Circanelo”, o mércores 1 de abril. O xoves, día 2, actuará a navarra Laura Puertas con “SuperEla”, e o venres, día 3, pecharán os galegos de A Vela Circo con “O último que apague a luz”. As funcións comezarán todas ás 20,30 horas e o prezo da entrada é tan só de 3 euros.

O sábado, 4 de abril, a partir das 20,30 horas, celebrarase a gala de clausura, cunha mostra final do obradoiro impartido por Hilary Chaplain e o acto de entrega do premio do concurso.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------