
Expourense acolleu ‘Inspiro’, o cuarto Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e centros de Formación Profesional) de toda Galicia e que estivo organizado un ano máis entre Expourense e a empresa ourensá Dixital Gou.. Este encontro deu as claves para aprender a emprender aproveitando tanto o talento como a oportunidade e reuniu a ao redor de 200 asistentes que participaron activamente no programa de conferencias impartido por unha decena de expertos. A presentadora Lucía Rodríguez foi a encargada, por cuarto ano consecutivo, de presentar este encontro.
‘Inspiro’ albergou ademais a final do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores no que competiron os 10 proxectos seleccionados (presentáronse unha trintena) creados por alumnos e alumnas procedentes das Universidade de Vigo e Santiago de Compostela e dos centros de Formación Santo Cristo, CPR Santo Martín e Colexio Valle-Inclán. O proxecto gañador desta cuarta edición foi “Sempre na casa” presentado por Paula Pato, Natalia Outomuro, Gabriel Macías e Sara Somoza, alumnos da Universidade de Vigo. Este proxecto é unha plataforma dixital de xestión de convivencias interxeracionais e alugueiro social que facilita o encontro entre persoas maiores con cuartos baleiros e estudantes que buscan aloxamento alcanzable. Este primeiro premio está dotado con 700 euros e unha mentorización a cargo do Club do Emprendemento. Foilles entregado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Marta Mariño.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O segundo premio foi para o proxecto “EVA- Emergency Victim Assistance” realizado por Alicia Sambade e María del Mar Belmonte, alumnas da Universidade de Santiago de Compostela. Este estudo presenta e avalía un sistema integral de xestión de incidentes con múltiples vítimas que combina xeolocalización, clasificación de pacientes e transmisión de datos en tempo real durante un simulacro dunha catástrofe. Este premio está dotado con 500 euros e unha mentorización a cargo do Club do Emprendemento. Foi entregado polo deputado provincial Jorge Pumar.
O terceiro premio do concurso foi para o proxecto “Nova Terra” de Pelayo Patiño, Iago Lijó e Martín Barros, alumnos da Universidade de Vigo. Trátase dunha consultoría para a recuperación de terreos afectados por incendios, baseada no uso de ferramentas tecnolóxicas e toma de datos con drons. Este premio está dotado con 350 euros e unha mentorización a cargo do Club do Emprendemento. Foi entregado pola directora provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Iria Fernández.
A novidade dos premios deste ano foi a inclusión de dúas mencións especiais sen dotación económica que quixeron recoñecer a calidade da presentación realizada (e que foi para o traballo Hi Party” de Carlos Gosende, Alejandro Destar e Ismael González, alumnos do Santo Cristo de Ourense) e outro que premiaba a aplicación do proxecto á “Economy Silver” (gañado por “Auranova” de Lorena Martín, Noa Martínez e Ainoa Marinheiro do Centro Valle-Inclán de Ourense). O xurado deste concurso estivo composto tanto polo presidente da Confederación Empresarial de Ourense, David Martínez; por Aje Ourense; por profesores da Escola de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo – Campus de Ourense e do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros.
Homenaxe a Jorge Bermello
A organización de Inspiro aproveitou a celebración deste encontro que fomenta o espírito emprendedor para realizar unha homenaxe ao empresario ourensán, Jorge Bermello, para recoñecer os seus máis de 65 anos de traxectoria profesional e a súa compromiso co desenvolvemento empresarial de Ourense argumentando para iso que “hai traxectorias que non soamente constrúen empresas, senón que constrúen cidade”. Jorge Bermello estivo a cargo de Electrodomésticos Bermello durante toda a súa vide. Unha empresa que é un referente no comercio local ourensán. A súa empresa non só creceu a nivel local, senón que soubo adaptarse aos novos tempos, incorporando a venda en liña a través da súa propia web e de diferentes marketplaces a nivel internacional.

A súa vocación de servizo levoulle tamén a asumir responsabilidades públicas de gran relevancia, como alcalde de Ourense, senador e presidente da Cámara de Comercio, desde onde traballou polo impulso económico e empresarial do territorio. A iso súmase a súa implicación no ámbito deportivo como presidente do Club Deportivo Ourense. Foi ademais un dos máximos impulsores e defensores da creación do recinto feiral de Expourense, un espazo crave para o desenvolvemento económico, empresarial e social da provincia que naceu hai xa 30 anos.
O Encontro Inspiro 2026 estivo coorganizado por Expourense e DixitalGou contando co patrocinio principal da Deputación Provincial de Ourense e tamén da Dirección Xeral do Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia e da súa Rede de “Polos de Emprendemento”. Contou tamén coa colaboración da Asociación de Novos Empresarios de Ourense – AJE, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e do Club do Emprendemento.















