O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá dúas explotacións gandeiras no concello ourensá de Cualedro
- O delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova orde destas axudas cun orzamento global de 53 millóns de euros, dos cales 23 millóns irán destinados a apoiar a incorporación de mozos, mentres que os 30 millóns restantes serán para os plans de mellora asociados a estas incorporacións
- Manuel Pardo subliñou que trátase da convocatoria máis ampla en orzamento dende o ano 2018, e recalcou que con ela se pretende favorecer a incorporación non só de novos solicitantes, senón tamén daquelas persoas que pediran a achega na anterior
- O prazo de presentación de solicitudes remata para ambas convocatorias o vindeiro 9 de abril
Ourense, 30 de marzo de 2026.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse, acompañado do alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, para visitar á explotación gandeira que rexenta Silvia Atanes, unha das beneficiarias da orde de achegas dirixidas ao establecemento de agricultores mozos cunha achega de 50.000 euros; e a empresa ‘Gandería Xuster’, que percibiu unha axuda de máis de 17.000 euros para a modernización e/o mellora de explotacións agrarias, ambas ao abeiro da última resolución destas subvencións coas que a Consellería do Medio Rural busca garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a súa competitividade.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria cun orzamento global de 53 millóns de euros para favorecer a remuda xeracional no agro e impulsar a súa modernización ata o vindeiro 9 de abril. Nesta liña, detallou que deste importe 23 millóns irán destinados a apoiar a incorporación de mozos, mentres que os 30 millóns restantes serán para os plans de mellora asociados a estas incorporacións.
Manuel Pardo destacou que trátase da convocatoria máis ampla en orzamento dende o ano 2018, e recalcou que con ela se pretende favorecer a incorporación non só de novos solicitantes, senón tamén daquelas persoas que pediran a achega na anterior, xa que estes mozos non terán que presentar unha nova solicitude e os criterios, como poden ser os prazos dos investimentos ou a idade máxima permitida, contarán segundo a data de presentación do ano pasado. É dicir, garántense as mesmas condicións.
Con ela búscase –segundo o representante do Goberno galego – mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.
Requisitos e contía da axuda
Para o establecemento de agricultores mozos, os posibles beneficiarios serán aqueles cunha idade entre 18 e 40 anos, ambos incluídos, e que non cumpra os 41 no ano natural da convocatoria. O solicitante tamén deberá presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda e participar no programa de titorización que presta a Consellería do Medio Rural a persoas agricultoras mozas. O importe da axuda será de 30.000 euros, que poderá incrementarse ata os 70.000 euros segundo os criterios recollidos na correspondente orde.
No caso dos investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, o requisito para obter esta axuda é ser unha persoa moza que solicita simultaneamente a axuda ao establecemento de persoas agricultoras mozas.
















