Novos Xuices e Xuizas Honorarios do Couto Mixto

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto celebrou o pasado 28 de marzo de 2026, ás 12.30 horas, unha Asemblea Xeral Extraordinaria no Liceo de Ourense, na que quedaron aprobadas as propostas de nomeamento das persoas e entidades distinguidas este ano cos títulos honoríficos de Xuices e Xuizas Honorarios do Couto Mixto.

Na xuntanza, e despois do proceso de presentación, valoración e votación das candidaturas, acordouse conceder as distincións honoríficas a:

A ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS A RAIA, DE BALTAR, en recoñecemento ao seu compromiso coa dinamización social do rural, coa convivencia veciñal e coa participación activa das mulleres na vida comunitaria. A entidade vén desenvolvendo un labor continuado a través de actividades culturais, sociais e educativas, contribuíndo á cohesión social, á valorización do papel das mulleres no medio rural e á transmisión dos valores identitarios do territorio. Polo seu arraigo, capacidade de mobilización e entrega á comunidade, foi acordado concederlle a distinción de Xuízas Honorarias do Couto Mixto.

XURXO LOBATO, unha das figuras máis destacadas da fotografía galega contemporánea, recibirá tamén a distinción de Xuíz Honorario do Couto Mixto. A asociación quixo salientar a súa traxectoria no fotoxornalismo e na divulgación do patrimonio cultural, así como a súa achega ao Couto Mixto a través do traballo fotográfico desenvolvido no libro O Couto Mixto: unha república esquecida (2005). A súa obra, de grande valor documental e artístico, contribuíu a construír a memoria visual deste territorio singular e das súas xentes.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

MARCO FRANCO NEVES, lingüista, escritor, docente e divulgador portugués, foi tamén elixido Xuíz Honorario do Couto Mixto. A asociación recoñece nel unha figura destacada na difusión da lingua portuguesa como ponte entre comunidades, así como a súa contribución ao diálogo cultural e lingüístico entre Galicia e Portugal. Valorouse especialmente a súa reflexión arredor da relación entre galego e portugués, en coherencia cos valores históricos, culturais e transfronteirizos que representa o Couto Mixto.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A entrega oficial das distincións terá lugar no acto central da Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto, que se celebrará o sábado 4 de xullo de 2026, ás 12.30 horas, na Igrexa de Santiago de Rubiás. Nese acto, as persoas e entidades homenaxeadas recibirán o correspondente diploma acreditativo dos méritos que neles concorren, unha insignia de prata e unha chave sobre peana de pedra que simboliza as do arcón das tres chaves.

A asociación, que se engloba dentro do colectivo Galeguizar Galicia, continúa así co seu labor de recoñecemento a persoas e colectivos que, desde distintos ámbitos, contribúen á preservación da memoria, dos valores e da singularidade histórica e cultural dos territorios do Couto Mixto


ACTA ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA

DA ASOCIACIÓN DE AMIGOS E AMIGAS DO COUTO MIXTO

Sendo as 12.30 horas do día 28 de marzo de dous mil vinte e seis reúnense, no edificio do Liceo de Ourense, os membros da Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto, Xosé González Martínez, presidente; Luís Manuel García Mañá, vicepresidente; Cesáreo González Veloso, home de acordo de Santiago de Rubiás; Sergio Álvarez Álvarez, home de acordo de Meaus; Perfecto Rodríguez Jardón, home de acordo de Rubiás; Alberto Cuquejo González, vogal; Xosé Manuel Cid, vogal e Director da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto; José Rodríguez Cruz, vogal ; Carlos Varela García, vogal; Xoán Ignacio Fonseca Moretón, vogal; Manuela Valencia Veloso, vogal; Tamara González Cuquejo, vogal; asisten como ointes Pilar Pascual e Aurora Vilar. Excusa a súa asistencia por motivos persoais, Inés Vázquez González. Actúa de secretaria da asociación Carme Pérez Vaquero.

A xuntanza celébrase para tratar a seguinte ORDE DO DÍA:

  1. PRESENTACIÓN E VALORACIÓN DE PROPOSTAS A XUICES/ZAS HONORARIOS DO COUTO MIXTO ANO 2026.
  2. DESENVOLVEMENTO DO ACTO CENTRAL DA ASOCIACIÓN A CELEBRAR O SÁBADO DÍA 4 DE XULLO DE 2026 ÁS 12:30 HORAS DA MAÑÁ NA IGREXA DE SANTIAGO DE RUBIÁS.
  3. PRÓXIMO ACTO DA ACADEMIA DO COUTO MIXTO.
  4. ROGOS E PREGUNTAS

Antes do inicio dos puntos da orde do día, polo presidente da asociación faise unha exposición das xestións levadas a cabo arredor da posibilidade de acadar para o Couto Mixto o

13:25:23 +02’00’ recoñecemento como territorio singular, en atención á súa relevancia histórica e cultural. Informa tamén das conversacións e posibilidades existentes para que os gobernos de Portugal e de Galicia poidan valorar fórmulas que permitan aos habitantes do Couto Mixto optar -a título individual tal e como indica o Sr. Varela García- a un réxime de dobre nacionalidade, en consonancia coa identidade histórica e transfronteiriza deste territorio. De igual modo indica que o Centro Dramático Galego comunicoulle o interese por facer o día 4/7/26 unha representación teatral referente ao Couto Mixto.

En relación con este derradeiro punto, considérase necesario que a representación teatral teña lugar no Diestro do Crego xa que celebrala ao remate do acto atrasaría en exceso a hora prevista para o xantar.

A seguir iníciase a xuntanza en relación aos puntos da orde do día:

1.- PRESENTACIÓN E VALORACIÓN DE PROPOSTAS A XUICES/ZAS HONORARIOS DO COUTO

MIXTO ANO 2026. A secretaria da asociación da conta das propostas presentadas ata o momento preguntando se existe algunha outra máis para valorar. Por parte de varios membros da asociación preséntanse outras alternativas ás existentes. Ábrese quenda de intervencións no que

cadaquén expresa a súa valoración sobre as propostas presentadas. Despois de moitas deliberacións resultan aprobadas en relación aos méritos que se expoñen as seguintes propostas:

Tamara González Cuquejo presenta a candidatura da ASOCIACIÓN DE MULLERES RURAIS A RAIA, de BALTAR facendo unha pormenorizada exposición dos motivos que a avalan. Pasado o asunto a votación acórdase por unanimidade conceder un dos títulos honoríficos do Couto Mixto deste ano a esta asociación en consideración aos seguintes méritos:

  • A ASOCIACIÓN MULLERES RURAIS A RAIA, DE BALTAR, constitúe un exemplo valioso de asociacionismo feminino comprometido coa dinamización social do rural, coa convivencia veciñal e a participación activa das mulleres na vida comunitaria. A través de actividades culturais, sociais e educativas, a asociación ten contribuído de maneira activa á cohesión social e á valorización do papel das mulleres na sociedade rural asi como á transmisión dos valores identitarios do territorio onde se asentan. A súa entrega, arraigo e capacidade de mobilización converten a esta entidade nun axente esencial para a conservación da memoria viva deste espazo histórico, méritos que a fan merecente do título honorífico de Xuízas Honorarias do Couto Mixto en recoñecemento a unha traxectoria en prol da comunidade e ao compromiso cos valores que definen o espírito do territorio onde desenvolven as súas actividades.

Luís Manuel García Mañá presenta a candidatura de XURXO LOBATO, nomeadamente do seu traballo fotográfico no libro O COUTO MIXTO: unha república esquecida (2005). Pasado o asunto a votación acórdase por maioría dos membros presentes concederlle un dos títulos honoríficos do Couto Mixto deste ano en consideración aos seguintes méritos:

  • XURXO LOBATO é unha das figuras máis sobranceiras da fotografía galega contemporánea cunha traxectoria profesional de especial relevancia no fotoxornalismo e na divulgación do patrimonio cultural. Académico numerario da RAG de Belas Artes; premio Ortega y Gasset de Fotografía no ano 2003 e Premio da Cultura Galega no ano 2020, a súa obra destaca polo rigor documental, a sensibilidade artística e compromiso co país. No libro O Couto Mixto: unha república esquecida, editado no ano 2005, contribuíu a construír a memoria visual deste territorio singular e das súas xentes, fixando en imaxes a identidade dun espazo histórico de fonda significación para Galicia. Pola forza perdurable do seu relato visual e pola súa achega á proxección cultural da singularidade destes territorios arraianos é merecente da distinción honorífica de Xuíz Honorario do Couto Mixto.

Alberto Cuquejo González presenta a candidatura de MARCO FRANCO NEVES, lingüísta e investigador portugués, autor entre outros do libro O galego e o portugués son a mesma lingua?. Pasado o asunto a votación apróbase por unanimidade concederlle un dos títulos honoríficos do Couto Mixto deste ano en consideración aos seguintes méritos:

  • MARCO FRANCO NEVES, escritor, docente e divulgador, é unha das figuras máis recoñecidas na difusión da lingua portuguesa como vínculo de unión entre comunidades. No seu libro O galego e o portugués son a mesma lingua? analiza a relación entre ambas, reflexionando sobre se os séculos de separación política deron lugar a dúas linguas diferentes ou se continúan a ser variantes dunha mesma realidade lingüística. A súa traxectoria encaixa de maneira natural cos valores históricos e culturais que representa o Couto Mixto: o encontro entre pobos veciños, a convivencia entre identidades e a consideración da diversidade lingüística como un patrimonio compartido. Polo seu labor en favor do coñecemento e da valorización das linguas portuguesa e galega, así como pola súa capacidade para fortalecer as pontes culturais entre os dous paises, considérase plenamente merecente da distinción honorífica de Xuíz Honorario do Couto Mixto.

Acórdase tamén que as laudatios dos homenaxeados/as sexan realizadas polas persoas que deseguido se indican:

  • Tamara González Cuquejo a da Asociación Mulleres Rurais A Raia, de Baltar.
    • Carlos Varela García a de Xurxo Lobato.
    • Manuela Valencia Veloso a de Marco Franco Neves

2.- DESENVOLVEMENTO DO ACTO CENTRAL DA ASOCIACIÓN A CELEBRAR O SÁBADO 4 DE XULLO DE 2026 ÁS 12:30 HORAS DA MAÑÁ NA IGREXA DE SANTIAGO DE RUBIÁS: Confírmase

a data de realización do acto central da asociación de nomeamento de Xuices e Xuizas Honorarias do Couto Mixto para o día 4 de xullo ás 12:30 da mañá na Igrexa de Santiago de Rubiás. Pasado o asunto a votación queda aprobado por unanimidade dos presentes na xuntanza.

Como todos os anos encargarase do xantar popular o home de acordo de Santiago de Rubiás, Cesáreo González Veloso coa salvedade de que Alberto Cuquejo falará con outra empresa para ver outras ofertas. Asi mesmo, acordase falar coa empresa que desenvolva o xantar para que non ocorra o do ano 2025 de aglomeración das persoas no momento de sentarse baixo a carpa. De igual modo, intentarase falar con alcaldes con referencia aos vales que se entregan a determinadas persoas para que non exista malestar entre os asistentes.

Aos novos xuices/a honorarios entregaráselle un diploma acreditativo dos méritos que concorren na súa persoa e que os fan merecentes da distinción, unha insignia de prata coas 3 chaves do arcón do Couto Mixto (das que se encargará o home de acordo de Meaus) e unha chave sobre unha peana de pedra que representa a chave do arcón do Couto Mixto.

Respecto das capas do Couto Mixto e dado que non hai para todos os membros, encárgaselle a Tamara González Cuquejo a posibilidade de encontrar a unha modista que poidera facer 6 e que presente un orzamento para intentar buscar un apoio económico para realizalas antes do acto central da asociación.

3.- PRÓXIMO ACTO DA ACADEMIA DO COUTO MIXTO.

Por parte do académico-director da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, Xosé Manuel Cid dase conta da celebración do próximo acto da academia no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense para o día 28 de abril de 2026 ás 18:30 horas no que entrarán a formar parte da ACSCM as seguintes persoas:

  • Dª CARMEN EIRÓ BOUZA, fiscala galega especializada en medio ambiente, urbaniso e patrimonio histórico que desde o 2025 é Fiscal Superior de Galicia sendo a primeira muller que ocupa ese distinguido cargo.
  • D. FERNANDO SERRULLA RECH, antropólogo forense recoñecido polo seu traballo na identificación de restos humanos en casos complexos sendo unha figura clave da antropoloxía forense en Galicia.

Respecto do desenvolvemento do acto acórdase que serán encargados de facer as laudatios de ingreso as seguintes persoas:

  • Carmen Eiró Bouza, o presidente da asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto Xosé González Martínez
  • Fernando Serrulla Rech un académico/a da ACSCM (Américo Rodrigues ou Paula Godinho)

E non habendo máis asuntos que tratar levántase a xuntanza sendo as 14:35 horas do día indicado no encabezamento do que como secretaria da asociación dou fe, asinando xunto a presente acta xunto co presidente.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------