O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ata Ribadavia para visitar o CEIP Ribadavia en compañía do alcalde, César Fernández, e manter un encontro con alumnos e alumnas e membros do equipo docente e directivo do centro escolar para explicarlle polo miúdo o programa de prevención do consumo de alcohol e bebidas enerxéticas “Apuntámonos a non beber”, dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 11 e 14 anos, idades nas que se observan os primeiros contactos con estas bebidas.
O delegado territorial destacou que este programa forma parte do ‘Plan Proxecta +’, iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no que os centros de ensino que decidan implementalo promoverán que cada aula participante elabore un traballo en equipo para elaborar en soporte audiovisual, cartaz ou eslogan, unha campaña de ‘contrapublicidade’ do consumo de bebidas alcohólicas ou enerxéticas.
Ao longo do curso acollen charlas e intervencións de profesionais do ámbito sanitario dirixidas aos rapaces, ao profesorado e ás familias, coa finalidade de previr que os mozos e mozas destas idades tomen alcohol e atrasar o inicio do seu consumo. Nestas sesións abordan cuestións como a definición de adición, as consecuencias de beber alcohol na saúde, os riscos que implica, as recomendacións da OMS, o problema social que supón, a lexislación vixente en Galicia arredor deste tema, os mitos que existen e o papel das familias á hora de inculcar hábitos de vida saudables. Nesta liña, Manuel Pardo salientou que o persoal docente deberá participar no antedito programa asumindo o seu compromiso e implicación no seu desenvolvemento e na participación nas intervencións presenciais que se leven a cabo co alumnado e as familias.
O programa está deseñado para traballar na aula como un proxecto interdisciplinar e como tema transversal no Proxecto Educativo do Centro, integrado no espazo de Educación para a saúde durante todo o curso escolar. As actividades están distribuídas en dúas intervencións (1ª de novembro a xaneiro, 2ª de febreiro a maio) e serán implementadas polo persoal técnico do programa dos departamentos territoriais da Consellería de Sanidade.
Ademais, o alumnado cumprimentará un cuestionario inicial ao comezo do programa e outro á súa finalización. Por outra parte, ás familias ofrécenselles uns folletos informativos e unha enquisa ao inicio do programa, e o profesorado cumprimentará un cuestionario ao final do mesmo para poder efectuar unha avaliación global deste á súa finalización.
Centros Educativos de Ourense
O programa de prevención do consumo do alcohol e das bebidas enerxéticas ‘Apuntámonos a non beber’ xa se desenvolveu no CPR Padre Feijóo Zorelle e CPR Santa Teresa de Jesús de Ourense; no IES Cosme López Rodríguez da Rúa; no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia; no IES de Allariz; no CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras; no CPR María Inmaculada de Verín e no IES O Ribeiro. A continuación levaranse a cabo o 14 de abril no CPR Luis Vives de Ourense e o 15 de abril no CPI José García García de Ourense.
O plan Proxecta+
O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Educación, en colaboración con diferentes institucións, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo, os elementos transversais —nos que se inclúe a educación en valores— e os obxectivos para o desenvolvemento sostible promovidos pola Axenda 2030 das Nacións Unidas.
Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa co fin de favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que conduzan á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro no que se orixinan coma para o resto da comunidade educativa galega.
















