O Concello do Carballiño personarase como entidade interesada na investigación dos incidentes rexistrados na tarde do pasado sábado no campo municipal da Uceira ao remate do partido desputado entre o Sporting Carballiño e o Marin C.F., que finalizou co resultado de 1-2, e nos que resultaron agredidos varios xogadores do conxunto pontevedrés. O encontro correspondía ao partido de ida do ‘play-off’ polo ascenso á categoría de Preferente Galega.
Ao respecto, o alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, manifestou a súa repulsa polo sucedido e avanzou que “tentaremos identificar a esa persoa ou persoas que provocaron os incidentes para que nunca volten a entrar nun campo de fútbol, xa que dende o Concello rexeitamos calquera tipo de violencia no deporte”.
“Desde o goberno municipal demos as correspondentes instrucións á Policía Local para que se investigue todo o acaecido e, ademais, pedimos colaboración á cidadanía para identificar, sexa a través de testemuñas directas ou vídeos, aos responsables dos incidentes”, manifestou José Castro-Gil. De feito, desde o goberno local xa se traballara co clube na realización dun protocolo de seguridade para evitar altercados, ademais de tomar medidas preventivas como valar o campo e contar coa Policía Local e o grupo municipal de Emerxencias durante o encontro. “No momento da liorta a Policía Local non estaba, pois acababan de saír porque foran requeridos noutro lugar”, detallou o concelleiro.
Por outra banda, a web Corsarios Marín Club de Fútbol reflexa que, unha vez que o árbitro sinalou o final do partido, “máis dun xogador marinense foi zarandeado por afecionados locais na súa retirada aos vestiarios”, mentres que o trío arbitral tardou máis de 20 minutos en poder retirarse. Concretamente, apuntan que os seus xogadores Guille e Cristian foron agredidos por espectadores, de xeito que o equipo optou por regresar ao terreo de xogo ata que se calmaron os ánimos. Asemade, lamentaron a ausencia de efectivos de seguridade, pese ao amplo desprazamiento de afecionados dende Marín.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa banda, o presidente do Sporting Carballiño, Aitor Dacasa, expresou nun comunicado oficial que “quero presentar as miñas desculpas a xogadores, corpo técnico, directiva e afección do Marín C.F. e, por suposto, ao trío arbitral, polos feitos acontecidos na tarde de onte no Campo Municipal da Uceira. O club amosa a súa total desaprobación e o seu rexeitamento ante actitudes que para nada representan os valores da entidade nin o comportamento exemplar amosado nestes anos”.
O máximo resposable da entidade deportiva engadíu que “o club traballou xunto co Concello na posta en marcha dun protocolo e medidas de seguridade coa fin de evitar feitos deste tipo. Sen que sirva para eximirnos de calquera responsabilidade, sinalar que no intre en que se produciron os incidentes o club non dispoñía dos efectivos de seguridade acordados, e que os actos non se desencadearon por parte dunha única afección”.
Xa non ámbito estrictamente deportivo, o Sporting Carballiño aínda ten a posibilidade de remontada o vindeiro domingo, 7 de xuño, no campo de San Pedro, onde se xogará o partido de volta contra o Marín C.F. a partir das 18,30 horas.

















