Arrinca en Sandiás a terceira edición do Programa Rosalía de asesoramento e formación para mulleres

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sandiás, 13 de xuño de 2026.- O Concello de Sandiás acolle o inicio dunha nova edición do Programa Rosalía, unha iniciativa de asesoramento, formación e acompañamento dirixida ás mulleres do rural que nesta ocasión conta coa participación dos concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Rairiz de Veiga e Vilar de Barrio.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Trátase da terceira edición deste proxecto, cofinanciado pola Xunta de Galicia e polos fondos europeos, que ten como obxectivo ofrecer ás mulleres ferramentas para mellorar a súa autonomía persoal, social e laboral, así como favorecer o seu benestar integral.

O programa combina accións formativas con servizos de asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral, ademais de actividades orientadas ao apoderamento feminino e á mellora da saúde física e emocional das participantes. A iniciativa será desenvolvida por profesionais cualificadas e de recoñecida traxectoria nos seus respectivos ámbitos.

Desde unha perspectiva feminista, as usuarias poderán recibir orientación en materias como dereitos xurídicos, saúde psicolóxica, inserción laboral, comunicación oral, uso das redes sociais, autoestima, sexualidade, ioga ou mindfulness. Así mesmo, o programa inclúe obradoiros culturais centrados na lectura e na escritura, así como espazos de reflexión e debate sobre cuestións de especial relevancia social, entre elas a violencia de xénero, a explotación de mulleres, a ecoloxía, saúde mental, etc.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O Programa Rosalía constitúe tamén un exemplo de cooperación entre concellos dunha mesma comarca, co propósito de achegar servizos especializados ás mulleres do rural, un colectivo que a miúdo non dispón das mesmas oportunidades e recursos que as residentes en ámbitos máis urbanos.

No ámbito laboral, as participantes recibirán formación en capacitación profesional, autoemprego, emprendemento, inserción laboral e habilidades comunicativas. Ademais, o programa volverá contar coa colaboración de empresas ourensás para facilitar oportunidades de emprego ás mulleres que desexen incorporarse ao mercado laboral.

A participación no Programa Rosalía é totalmente gratuíta e está aberta ás mulleres dos catro concellos implicados. As interesadas poden solicitar información e formalizar a súa inscrición a través dos respectivos concellos participantes.

As persoas que precisen asesoramento xurídico ou psicolóxico tamén poden contactar coa traballadora social municipal ou directamente coa entidade Red Talento Consultoras, no teléfono 685 211 882. Máis información está dispoñible nas páxinas web e nas redes sociais dos concellos participantes.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------