A Garda Civil do Carballiño, no marco da operación ‘Rolls’ posta en marcha para investigar un presunto delito de tráfico de drogas, detivo ás 19,00 horas do pasado luns, 22 de xuño, a unha parella de traficantes de droga que, ademais, mantiña na súa vivenda secuestrado a un home baixo ameazas e torturas.
Os axentes da Benemérita lograron chegar a esta detención tras un proceso de investigación que se alongou durante a xornada do luns, e no decurso da cal constataron que nun domicilio do Carballiño atopábase un home secuestrado por outro home e unha muller, presuntamente parella ambos, os cales esixían á nai deste e a outras persoas o pago de 500 euros para pagar unha presunta débeda.
Ante tal situación, un equipo da Garda Civil procedeu á entrada de urxencia na vivenda para a liberación desta persoa, apoiados na intervención pola USECIC da Comandancia de Ourense. Durante a intervención, localizouse á persoa privada da súa liberdade dende a noite do sábado, con múltiples lesións, manifestando nese mesmo momento que estaba retido esixíndoselle o pago dunha presunta débeda, e que durante o seu cativerio, recibiu múltiples malleiras por parte do home e ameazas con diversos utensilios talles como unha motoserra.
Na intervención, procedeuse á detención dun home, de nacionalidade española e de 30 anos de idade e dunha muller, de nacionalidade venezolana e de 28 anos de idade. Pero a captura da muller non foi doada, xa que tras fuxir polo tellado do edificio, dunha altura de cinco plantas e abandonando durante a súa fuxida unha bolsa con 50 gramos de cocaína, foi detida nunha terraza anexa doutra vivenda do mesmo edificio.

Os detidos foron postos ao disposición do Xulgado de Garda do Carballiño, decretándose prisión provisional para ambos, sendo acusados de senllos delitos de detención ilegal, agravados á súa modalidade de secuestro, lesións, ameazas, tráfico de drogas, así como un delito de quebrantamento de condena ao home, ao constarlle unha orde de protección en vigor da detida cara á súa parella, e atoparse convivindo ambos, sendo coautores do resto dos delitos.
No rexistro do domicilio da parella, os axentes incautáronse dunha báscula de precisión, un caderno con anotacións de operacións de venda de droga, 250 euros, así como diversos obxectos utilizados durante a detención ilegal para ameazar e lesionar ao secuestrado. Tamén se intervén unha chaqueta, relacionada cun delito anterior, procedéndose a imputarlle ao home outro delito de roubo con violencia e intimidación.


















