O barrio de Santiago de Ribadavia renderá homenaxe nos vindeiros días ao seu patrón, de xeito que o vindeiro xoves, 16 de xullo, comezará a novena adicada ao Apóstolo, con misas diarias ás 20,00 horas na igrexa de Santiago agás o domingo, día 19, que se oficiará ás 9,30 horas.
E a xornada solemne do 25 de xullo, festividade do Apóstolo Santiago, patrono de España, iniciarase cunha misa ás 9,30 horas, estando prevista para as 11,30 a saída da procesión do santo, que percorrerá as rúas do casco histórico da vila e rematará na igrexa cunha misa solemne.

A igrexa de Santiago de Ribadavia data do século XII, sendo un marabilloso exemplo da Arte Románica de Galicia. Esta foi a primeira parroquia da capital do Ribeiro e por elo recibíu o nome de “igrexa matriz”. No seu interior acolle unha imaxe sedente do Apóstolo Santiago que se atribúe á escola do Mestre Mateo. Asemade, é un dos enclaves senlleiros no Camiño Xacobeo que une a cidade portuguesa de Braga coa capital galega, Santiago de Compostela.
















