O Orfeón de Loureiro (Portugal), a Coral Renfe de Monforte de Lemos, a Rondalla Alfaia de Cenlle e a agrupación anfitriona, o Orfeón do Carballiño, protagonizarán este vindeiro sábado o tradicional ‘Festival de Habaneras’ que chega á súa 32ª edición para render homenaxe a Xosé Ramón Estévez Gómez, un sacerdote que compuxo cancións relixiosas en galego que se poden escoitarn a cotío nos oficios litúrxicos da Igrexa Católica. O festival terá lugar no Auditorio Manuel María da vila do Arenteiro ás 20,30 horas con entrada totalmente libre e gratuíta.
O concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández, e o presidente do Orfeón carballiñés. Rogelio Rodríguez, presentaban esta mañá na Casa Consistorial a programación deste evento. O edil animou á veciñanza e visitantes “a que se acheguen ata o Auditorio para desfrutar desta música do outro lado do mar que nos traen ata O Carballiño”, e felicitou ao colectivo polifónico polo traballo que desenvolven, ano a ano, para organizar esta actividade.
Pola súa banda, Rogelio Rodríguez, lembrou a traxectoria do festival, “que comezou no 1993, o mesmo ano da fundación do Orfeón, e que só non se celebrou en 2020 debido á pandemia”.


















