O Campo do Cabalo da localidade de Laias, no municipio de Cenlle, acollerá nesta vindeira fin de semana unha programación especial de actividades coa celebración do festival ‘Espírito Ribeiro’, na segunda quenda dun ciclo que comezou o ano pasado en Castrelo de Miño.
Unha paraxe natural á beira do río Miño no que os asistentes terán a oportunidade de gozar do Ribeiro en tódolos sentidos: viño, gastronomía, música, mercado e produtos de proximidade. Todo elo, os vindeiros sábado 22 e domingo 23 de agosto.
Unha cita na que o viño da Denominación de Orixe Ribeiro será un dos grandes protagonistas para acompañar estas dúas xornadas, e para elo cóntase coa presenza de Adega do Veleiro, Birimbao, Viña Carpazal, Cotarelo, Nairoa, Xulia Bande, Eduardo Peña, Casal do Canteiro e Bodegas Cunqueiro.

O programa abrirase o sábado, día 22, ás 20,00 horas, co espectáculo infantil de Pablo Estévez Magia, ao que seguirá o concerto estelar do dúo Cómplices, ás 21,00, para rematar cun recital de Montoya&Carmona.
Unha homenaxe musical a Buena Vista Social Club protagonizará ás 19,30 horas a actividade do domingo, día 23, continuando coa actuación de Queiman Folk Rock, ás 21,30, que porá punto final á programación. ademais, de 17,00 a 20,00 horas está prevista a instalación dos inchables de auga do Xacobeo Splash.


















