Granxa Arqueixal e Adegas e Viñedos Lareu S.L. premios Bacelos de Prata 2026

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

ACTA CONCESIÓN PREMIOS BACELOS DE PRATA 2026

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sendo as  19:30 horas do venres, día 28 de agosto de 2026, reúnense no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, D. Avelino Muleiro García, presidente da Asociación Álvaro das Casas; D. Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; D. Clodio González Pérez, etnógrafo; D. Xosé Carballido Présas, enxeñeiro técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e coordinador da IRGADE (Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros); D. Cándido Vázquez Mosquera, propietario da Casa dos Ulloa;  D. Celso Domínguez, colleiteiro e  Dna. Carme Pérez Vaquero,   secretaria   do   colectivo   Galeguizar   Galicia   coa   finalidade   de   valorar   as   propostas presentadas na XVIII edición dos Premios Bacelos de Prata. 

Logo de examinaren as propostas e deliberaren sobre os méritos das candidaturas presentadas, de acordo cos criterios establecidos nas Bases dos Premios Bacelos de Prata, acordan conceder os premios correspondentes ao ano 2026 a: GRANXA ARQUEIXAL, situada na parroquia de Santiago de Albá, no concello de Palas de Rei, na comarca da Ulloa, que desde 1989 da continuidade á tradición queixeira familiar cun proxecto baseado na produción ecolóxica e na posta en valor da cultura rural, transformando o leite ecolóxico das súas vacas en queixo cremoso, queixo de nabiza, iogur natural e leite fresco pasteurizado, empregando o galego na etiquetaxe, na páxina web, na divulgación da actividade, nas experiencias de agroturismo e na comunicación coas persoas consumidoras, converténdoo nun elemento esencial da identidade da empresa. A calidade dos seus produtos foi recoñecida nas Catas de Galicia de 2025,  na categoría de produción ecolóxica, obtendo o galardón de ouro polo queixo Arqueixal e o de prata polo  Arqueixal curado. O xurado valora positivamente a dimensión integral do proxecto que combina actividade agroalimentaria, recuperación de arquitectura tradicional, agroturismo e a defensa do territorio como parte dun modelo empresarial que utiliza a lingua galega con plena normalidade en todas as súas actividades.

ADEGAS E VIÑEDOS LAREU S.L., situada en Sabadelle, no concello de Chantada, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra,  empresa de longa tradición vitivinícola estreitamente vinculada ao territorio onde conserva unha antiga adega do século XVIII testemuña da súa longa vinculación coa viticultura e coa elaboración de viño. A súa actividade baséase na tradición e coidado da terra cunha especial atención á sustentabilidade, á protección do medio ambiente e á aplicación de prácticas respectuosas coa paisaxe  co obxectivo de preservala para as futuras xeracións.   Nos seus viñedos cultívanse variedades como  Godello, Treixadura, Branca Lexítima, Mencía, Merenzao, Sousón e Caíño, coas que elabora viños de alta calidade como Sabatelius Mencía, Sabatelius Godello, Sabatelius Noa (branco) e os tintos  Sabatelius Chamorra e Sabatelius Carballo. O xurado salienta o compromiso continuado coa lingua galega, desde os anos 80, tanto na etiquetaxe como na imaxe corporativa, na páxina web ou nas redes sociais. Esta aposta sostida no tempo polo uso da lingua galega na marca reforza a vinculación entre produto e territorio, consolidando a identidade dos seus viños e proxectando con naturalidade os valores culturais da viticultura heroica da Ribeira Sacra.

Neste ano no que se cumpren 90 anos da creación da UCRA (Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia) impulsada por Álvaro das Casas Blanco para promover a calidade da produción e a presenza da lingua galega na elaboración dos viños e licores, o xurado salienta que as empresas galardoadas recollen plenamente ese espírito xa que estes galardóns recoñecen iniciativas que vinculan o produto coa calidade, a orixe, a actividade económica e lingua galega, contribuíndo á presenza normalizada do noso idioma na etiquetaxe, na publicidade, na comunicación e na comercialización dos produtos agroalimentarios elaborados en Galicia.Sendo as 20:45 horas, levántase a sesión, do que como secretaria dou fe, asinando ao pé xunto cos membros do xurado.

A entrega destes premios será o día 3 de outubro no pazo dos Ulloa en Esposende.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------