O Ribeiro honrou con procesión e misa solemnes á súa patroa A Virxe do Portal de Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribadavia celebrou hoxe o día grande das súas festas patronais na honra da Virxe do Portal, patroa da comarca do Ribeiro, cun programa de actos litúrxicos e de lecer para a veciñanza e visitantes. A xornada comezou ás 10,00 horas coa recepción dos alcaldes e representantes dos municipios da comarca na Casa do Concello, na que actuou como anfitrión o rexedor da vila, César Fernández.

A continuación, as autoridades realizaron o percorrido entre a Praza Maior e a igrexa parroquial de San Domingos co acompañamento da banda de música A Lira, que tamén puxo a nota musical na procesión da Virxe do Portal polas rúas máis céntricas de Ribadavia, antes da misa solemne na honra da Virxe, presidida polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e que foi cantada pola Coral do Club Artístico.

O concelleiro Javier Rodríguez representou ao Concello de Carballeda de Avia na lectura da ofrenda á patroa do Ribeiro, seguindo a quenda de rotación dos municipios da comarca, e cuxo escudo oficial centraba a alfombra floral elaborada pola Asociación de Mulleres Rurais na rúa Progreso, fronte ao Castelo dos Sarmiento, para o paso da procesión.

Para a xornada de mañá, mércores día 9, e coincidindo co remate dos festexos patronais, celebrarase ás 18,30 horas na igrexa de San Domingos unha misa cantada polo coro parroquial, e ao remate a Banda Filarmónica de Amares (Portugal) acompañará a procesión da Virxe do Portal retorno á súa capela. A agrupación musical portuguesa ofrecerá un concerto ás 20,00 horas.

(Vídeo da procesión: https://www.facebook.com/share/v/1EemqJaEdJ/)

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------