Máis de 700 persoas participaron esta fin de semana na Cidade da Cultura na segunda edición desta iniciativa que reúne medicina, ciencia e investigación
“Queremos que os estudantes entendan que formarse como médicos vai moito máis alá de memorizar coñecementos”, asegura o presidente do CIMEC, Carlos López Vila
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026.– A Cidade da Cultura acolleu esta fin de semana o II Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC 2026), un encontro organizado pola Comunidade Médica en Formación (CoMeF) que reuniu máis de 700 persoas entre estudantes de Medicina, residentes e profesionais sanitarios.
O acto foi inaugurado polo presidente de CoMeF e do CIMEC, Carlos López Vila, acompañado do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a directora da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS), Isabel Lista; e a reitora da USC, Rosa Crujeiras.
“Que este congreso naza dos propios estudantes de Medicina ten un valor especial. Demostra inquietude, curiosidade e, sobre todo, ganas de facerse preguntas, que é onde empeza sempre o coñecemento”, asegurou Isabel Lista para quen “un bo profesional sanitario nunca deixa de formarse nin de facerse preguntas”. Neste sentido, defendeu a necesidade de entender asistencia, docencia e investigación como un todo: “Non son camiños separados: a asistencia expón preguntas, a investigación busca respostas e a docencia permite compartir ese coñecemento e formar a quen terá que seguir avanzando”.
O conselleiro de Sanidade quixo destacar a organización deste congreso no que “compartimos unha idea clara: formar os médicos do futuro tamén significa ofrecerlles máis escenarios para aprender e adquirir experiencia”. Nese contexto lembrou a ampliación da descentralización da formación clínica a 5.º de Medicina. Así mesmo, puxo en valor o respaldo científico da Universidade de Santiago de Compostela, “berce da formación médica na comunidade” e do IDIS “que ano tras demostra a súa capacidade para atraer talento e transformar a ciencia en solucións que melloran a saúde das persoas”.
Segundo o conselleiro, dispor dun escenario propicio para a investigación biomédica constitúe un estímulo moi poderoso para os profesionais e unha canteira de oportunidades para os pacientes. Ademais, é un factor que enriquece a contorna de formación que resulta un terreo no que, o titular da carteira sanitaria, considera que o seu departamento ten que ser cada vez mellor para crear e reter todo o talento posible.
Rosa Crujeiras tamén lle agradeceu á organización “como reitora, que fagades Universidade desta maneira. Participar na Universidade tamén é isto: propoñer, organizar, colaborar, asumir responsabilidades e crear espazos que enriquecen a experiencia de quen estuda convosco”.
CIMEC 2026 congregou profesionais referentes de ámbitos moi diversos, como Alejandro Madrigal, Anna Lluch, Ignacio López-Goñi, David Bueno, Yolanda Gilaberte, Juan José García Coto, Víctor Pérez Solà, Antonio Escribano, José Alcamí, Arturo González Quintela, Jorge Mira ou Jesús G. Mestre.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O acto de clausura levouse a cabo por parte do decano da Facultade de Medicina da USC, José Carreira, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Á. Santalices, xunto coa directora científica do IDIS, M.ª Luz Couce, quen tamén destacou o valor do CIMEC como “punto de encontro entre estudantes, profesionais e investigadores e como exemplo dunha formación médica que vai máis aló das aulas”. Subliñou Luz Couce que, ante unha medicina en constante transformación, resulta esencial manter a curiosidade, o espírito crítico e a aprendizaxe continua e animou os futuros médicos a explorar novas áreas e achegarse á investigación ao longo da súa traxectoria profesional.
Para o presidente do Congreso, Carlos López Vila, estas dúas xornadas, van máis aló das conferencias; supoñen unha oportunidade única para compartir espazo e interactuar cun comité científico formado por profesionais de primeiro nivel. “Queremos que os estudantes entendan que formarse como médicos vai moito máis alá de memorizar coñecementos. A medicina esixe aprender a razoar, observar, escoitar e enfrontarse a persoas, non só a preguntas con catro opcións de resposta. Con CoMeF queremos crear espazos onde poidamos desenvolver, precisamente, esa parte da nosa formación”. Unha idea que corrobora o vicepresidente de CIMEC, Manuel García Cordeiro, ao destacar que o mellor destas xornadas “é ver a tantos estudantes gozar da medicina. Ao final, ese é o verdadeiro obxectivo do congreso: espertar curiosidade, inspirarse e lembrar o bonita que é esta profesión”.

















