Marina Ortega esíxelle a Xunta e PP unha “desculpa” aos familiares dos falecidos por covid nas residencias logo de “mentir” para agochar as cifras durante dous anos

O parlamento aproba unha proposta socialista para reclamarlle á Xunta que faga públicos antes do remate do ano os datos de falementos covid en cada residencia

A Comisión de Política Social do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que faga públicos antes do remate do ano os datos dos falecementos por Covid – 19 ou sintomatoloxía compatible en cada residencia de Galicia. Marina Ortega esixiulle á Xunta e PP “unha desculpa” por ter agochado estes datos durante os dous últimos anos.

Ortega dixo que “é de xustiza” que a Xunta presente os datos tanto no Parlamento como aos familiares das vítimas, porque “non hai peor duelo que pasar polo falecemento dun familiar sen ter tódolos datos”. A iniciativa foi aprobada finalmente incorporando unha emenda do propio PP para sinalar que a Xunta debe cumprir coa sentenza do TSXG do pasado mes de maio que obriga a facer públicos os ditos datos.

Marina Ortega reclamou ademais que tanto a Xunta como o PP “se desculpen” diante dos usuarios das residencias galegas, así como cos familiares dos falecidos por covid e “diante de toda a cidadanía”. Dixo que deben dar contas por “mentir” durante os últimos dous anos para agochar os datos do impacto da pandemia nestes centros.

Sinalou que “non é xusto que o goberno galego negara os datos cando o 40 por cento dos falecementos por covid se rexistraban nas residencias de maiores, non é xusto que se vetara unha Comisión de Investigación no Parlamento” sobre o que sucedeu neses centros. E tampouco é xusto, engadiu, “que teñamos que estar hoxe, logo de 2 anos, falando do mesmo sen ofrecerlle á cidadanía a información que merece”.

Lembrou que esta Comunidade Autónoma é a que conta co maior número de persoas maiores de toda España, e preguntoulle á Xunta “que pretende con tanto escurantismo, ten algo que agochar?”, ao negarse ás peticións de información trasladadas dende o Grupo Socialista “por tódalas vías regulamentarias posibles”, co que o único que fan, dixo, é “sementar desconfianza”.

Acusou ao goberno galego de “mentirlle descaradamente á cidadanía sen pestanexar”, cando no primeiro lugar dixeran que “xa tiñamos a información, que xa existía na web do Imserso ou na páxina da Xunta, pero “o tempo deunos a razón e tiveron que recoñecer que os datos non existían”. O seguinte argumento, dixo, foi que non podían dar as cifras pola Lei de Protección de Datos, ata que o TSXG obrigou a facelos públicos.

Sen embargo, dixo, a seguinte versión do goberno galego foi que “querían dar os datos, pero que os centros non querían remitilos, e por iso non os facían públicos”, e mesmo chegaron a responsabilizar ao goberno central. Ortega lembrou que o goberno galego ten esas cifras “desglosadas por centro dende o primeiro momento”, porque son os únicos responsables de demandárllelos a cada residencia e a cada centro de maiores”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de Política Social, se publique un informe no que se especifiquen os datos de falecementos por Covid – 19 ou sintomatoloxía compatible desglosado por cada centro de atención residencial en Galicia, nos termos establecidos na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao respecto, antes de que remate 2022”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------