O deseñador recibiu o galardón no transcurso dun renovado acto celebrado no Teatro Principal, onde recolleu o premio de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente da Deputación, Luis Menor
O presidente provincial afirmou que o galardoado “semella ser a definición da Ourensanía”, destacando o que supuxo que o seu pai decidira vir á capital desde Trives e fundar El Faro, lanzar un dos lemas máis coñecidos a nivel nacional e internacional, ou propiciar a transformación modélica da súa compañía
Nunha intervención moi persoal, Adolfo Domínguez lembrou a súa infancia “nos altos de Trives”, recoñeceu o seu gusto pola paisaxe ourensá, recunchos como a catedral de Ourense e a súa paixón pola natureza, “que o arranxa todo”
Alfonso Rueda sinalou que”hoxe Ourense recoñece á moda en sí mesma. Falar de Adolfo é falar dun artista, recoñecido na súa terra, por todo o que representa na historia da moda e na historia da creatividade”
Ourense, 10 de novembro de 2023.- O deseñador Adolfo Domínguez recibiu esta tarde o Premio Ourensanía 2023 no transcurso dun renovado acto celebrado no Teatro Principal, onde recolleu o galardóon de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente da Deputación, Luis Menor. Unha distinción, dixo o titular do Goberno provincial, “merecida, pero tamén debida”, poñendo a Domínguez como exemplo de “xentes indómitas, laboriosas e ateigadas de sonos”.

Para Luis Menor, “o premiado semella ser a definición da Ourensanía”, destacando que hai traxectorias “que non se poden facer nunhas cantas liñas dun currulum vítae, pero si explicar falando do que supuxo que Adolfo Domínguez “Pai” decidira vir á capital desde Pobra de Trives e fundar El Faro, lanzar un dos lemas máis coñecidos a nivel nacional e internacional, ou propiciar un relevo xeracional para facilitar a transformación modélica da súa compañía”.
Facendo alusión a experiencias persoais cando era mozo –daba clases particulares a membros da familia Domínguez- o presidente da Deputación utilizou un símil do mundo da moda para afirmar que “Adolfo Domínguez coseu a provincia, remendou a falta de oportunidades daquel territorio de principios dos 80 e deseñou un camiño de futuro para moitas persoas que se viron atraídas pola moda e o deseño”.
Subliñou tamén a importancia que ten para un territorio “contar con persoas con sonos, iniciativa e moitas doses de valentía”, medrando baixo a máxima da sinxeleza e crecendo tanto como para afianzar a a súa compañía como unha das grandes empresas de Ourense.
Cunha mención expresa á súa faceta como escritor e home de cultura, Luis Menor recoñeceu a capacidade do galardoado á hora de “crear un espazo de renome para Ourense no mundo e na moda, adiantándose ao concepto máis universal da Ourensanía”.
Nunha intervención moi persoal, Adolfo Domínguez lembrou a súa infancia “nos altos de Trives”, cando ían á escola cunha lata de sardiñas chea de brasas “para poñer os pes encima e quentalos” polas abondosas nevaradas.
O modisto recoñeceu o seu gusto pola paisaxe e a néboa “sobre todo na parte oriental da provincia, a máis despoboada e fermosa, como o pobo do meu pai, Cernado”, aínda que tamén tivo palabras para destacar outros recunchos como a catedral de Ourense, “que me gusta de largo máis que a de Santiago”, ou o Liceo, o casco histórico e mesmo “o ensanche de principios do século pasado”.
Con todo, Adolfo Domínguez amosou a súa paixón pola natureza -“que o arranxa todo”-, preguntándose “por que non facemos de Ourense unha cidade das flores, con balcóns cheos de plantas, que estaba na nosa tradición”.
Pola súa banda, Alfonso Rueda sinalou que “hoxe Ourense recoñece á moda en sí mesma. Falar de Adolfo é falar dun artista, recoñecido na súa terra, por todo o que representa na historia da moda e na historia da creatividade”. Ademáis, o presidente autonómico abundou “na feliz asociación entre Galicia e moda, que ven da man de persoas como Adolfo Domínguez, coa súa persoalidade polifacética, saíndo ao mundo sen esquecer de onde ven. A súa é unha historia de fermosura ao longo do tempo, sabendo reinventarse, sempre desde o amor á terra, con intelixencia e liberdade”.
Acto renovado
A entrega do Premio Ourensanía 2023 celebrouse no Teatro Principal, cun renovado programa que incluíu o cambio de data, un día antes da celebración do San Martiño como patrón de Ourense; unha nova escenografía e a presentación do acto por parte do que fora modelo de Adolfo Domínguez, o xornalista e escritor Moncho Conde Corbal.
Ante unha numerosa representación de autoridades, cargos institucionais, o xurado do premio, membros da súa empresa e familiares, Domínguez recibiu unha peza deseñada polo escultor Xosé Cid, así como a acta enmarcada co fallo do xurado, onde se sinala que se lle concede este premio de xeito unánime “por unha traxectoria profesional de primeiro nivel tanto no ámbito nacional, como no internacional, sendo un dos máis grandes deseñadores que deu este país”.
O grupo galego Terrae foi o encargado da parte musical, con senllas interpretacións do seu marcado estilo no que mesturan a natureza e mailo ser humano.