O relevo da presidencia non foi aproveitado para facer cambios significativos no sector vitivinícola da denominación de orixe.
Ribadavia, 25/06/2024
Oportunidade perdida
O consello regulador elexiu a Concepción Iglesias Pousa como nova presidenta. Como xa manifestaramos anteriormente, queremos expresar a nosa decepción pola oportunidade perdida para facer cambios significativos no sector vitivinícola da denominación de orixe. Coincidiron no tempo a elección da nova presidencia do Consello Regulador, cos relevos á fronte da Consellería do Medio Rural e da Axencia Galega de Calidade alimentaria. As tres entidades e administracións con competencias na materia. Era polo tanto unha oportunidade crucial para facer eses cambios significativos necesarios.
Na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, publicada pola Consellería do Medio Rural en 2020, xa se indicaba que na organización da cadea e gobernanza da Denominación de orixe, había un sentimento xeneralizado na maioría dos axentes da necesidade dun cambio de rumbo para frear a sensación de declive da D.O. Ribeiro.
Presidencia continuísta do Consello Regulador, sen un proxecto propio para a nosa denominación de orixe e co-responsable da actual situación.
Se ben a presidenta é unha veciña da comarca, viticultura e vicepresidenta da principal cooperativa, as súas primeiras declaracións aos medios de comunicación non poden ser máis desalentadoras. Manifesta que realizará unha xestión continuísta, aínda que ela mesma recoñece o aumento do abandono dos últimos anos (nos que ela foi vicepresidenta, e polo tanto tamén co-responsable). A situación actual é que todos os indicadores económicos da denominación de orixe empeoraron: abandonouse máis superficie de plantación da que se recuperou, o número de viticultores decreceu, ao igual que o número de hectáreas acollidas, e decreceu tamén o relevo xeracional.
Preocúpanos tamén que a liña de traballo de Concepción Iglesias sexa unicamente ir sacando adiante os proxectos fixados durante a época do anterior presidente, e non teña un novo proxecto para o Ribeiro. Inquédanos tamén que as súas manifestacións de “irá abordando novas prioridades segundo vaian xurdindo”. Desgraciadamente no Ribeiro levamos moitos anos sufrindo esta falta de planificación e anticipación, e xa se comprobou que a solución non é continuar improvisando.
Presidenta representante dun grupo de vocais que defenderon os seus intereses particulares
E tamén é importante manifestar, que a nova presidenta, como vicepresidente foi tamén co-responsable da errática traxectoria de Juan Manuel Casares Gándara no Ribeiro, en máis dunha ocasión condenada nos xulgados e tribunais. Entre outras sendo ela tamén vicepresidenta e membro do Pleno, o consello regulador foi condenado por abuso de dereito, pola subida de prezo das precintas de garantía exercitado con abuso de dereito e favorecendo os intereses particulares dun grupo de vocais do Pleno, resultando danados ou prexudicados economicamente as minorías produtoras de viño no pleno (colleiteiros e pequenos adegueiros).
Polo tanto debemos prestar atención, a que non se volte repetir esta situación xa condenada en xulgados en tribunais. A nova presidenta debe corrixir erros pasados e debe defender os intereses xerais de todo o sector, e non os intereses particulares dun grupo de vocais do Pleno (do que ela forma parte), danando e prexudicando ás minorías produtoras.
Finalizar a xudicialización é a errática xestión do persoal.
Debe tamén poñer fin á xudicialización desta corporación de dereito público, e decidir como afronta os casos que aínda están abertos a día de hoxe contra o Consello Regulador en distintos xulgados e tribunais.
Deber por fin tamén á errática e caciquil xestión do persoal do Consello Regulador levada ata o de agora nos últimos anos, na que se despediu a numeroso persoal, entre eles, á secretaria-xerente, a 2 directores-técnicos, ou se desmantelou o Órgano de Control e certificación, con continuos despidos e acumulacións de baixas de longa duración do persoal.
Finalizar a instrumentalización partidista do Consello Regulador por parte do Partido Popular.
Como levamos tempo manifestando, esiximos que o Partido Popular finalice coa instrumentalización partidista do Consello Regulador. Converteu a unha corporación de dereito público que debe estar ao servizo dos intereses vitivinícolas desta comarca, nunha plataforma ao servizo do PP para dar proxección pública e mediática aos seus candidatos, destinando os fondos públicos para a promoción dos viños do Ribeiro, á promoción persoal de candidatos electorais populares. Este mesmo mes o tempo volta a darnos a razón, e se en maio era Juan Manuel Casares nomeado Parlamentario, neste mes é o turno doutro ex-presidente: Miguel Angel Viso.
Proxecto para a comarca do Ribeiro.
Desde o BNG do Ribeiro e desde as organizacións agrarias SLG e FRUGA, consideramos que é necesario un verdadeiro proceso de democratización do Consello Regulador da denominación de Orixe, con responsables á fronte que destaquen pola súa capacidade de negociación e de aglutinar consensos e se impliquen a prol do ben común da comarca, e non a prol dos seus intereses políticos persoais.
Consideramos que é o momento de abordar cuestións esenciais:
- Crer no potencial da comarca para xerar novas sinerxias entre todos os actores presentes e con competencias na denominación de orixe.
- Creación dun polo de innovación científica e tecnolóxica conformado polo Consello Regulador, a EVEGA, o IES Ribeiro (centro de formación de técnicos de vitivinicultura, aceites, viño e industrias alimentarias) e un viveiro público de adegas para facilitar a incorporación dos novos técnicos.
- Recuperación e mantemento dos viñedos antigos: Apostamos por revitalizar os viñedos que levan anos abandonados, preservando así a nosa rica tradición vitivinícola.
- Rexeitamento do actual modelo de polígonos agroforestais que só benefician ás grandes corporacións empresariais e impiden o acceso dos pequenos viticultores ás novas parcelas.
- Rexeitamento á ampliación especulativa fóra dos límites históricos da D.O. Desde hai séculos, hai terreo de abondo dentro dos límites da denominación de orixe. E con máis razón cando estamos en datos de producións mínimas históricas. Impediremos a pretendida deslocalización da denominación de orixe. Os límites das D.O. deben ser xustificados tecnicamente e aprobados en Galicia, no Estado e en Europa. O BNG usará aos seus representantes en todos os organismos autonómicos, estatais e europeos para impedir este atentado contra os intereses dos viticultores e viticultoras da nosa comarca histórica, ante a perda de valor dos seus terreos e da súa produción de uva.
- Promoción do relevo xeracional: Crear as condicións necesarias para que as novas xeracións poidan incorporarse ao sector, proporcionando formación, apoio financeiro e oportunidades de desenvolvemento profesional.
- Asegurar un prezo de venta de uva a longo prazo superior ao custes de produción, mediante a figura de contratos homologados ou similares.
- Aposta pola calidade: Fomentar a produción de viños de alta calidade que poidan competir nos mercados nacionais e internacionais, garantindo un futuro próspero para o Ribeiro.
- Implicar a todas as administracións para levar adiante un novo “Plan de Impulso Vitivinícola do Ribeiro”, como o levado a cabo polo BNG ao fronte da Consellería do Medio Rural entre os anos 2008-2010 e que supuxo investimentos que superaron os 20 millóns de euros na nosa comarca, en plans especiais de infraestruturas, concentracións parcelarias, incorporacións de mocidade, mellora de explotacións, reconversión varietais especiais e melloras da profesionalización do sector.
Estas propostas son parte dunha visión máis ampla para transformar e modernizar o sector vitivinícola do Ribeiro, asegurando que sexa sostible, inclusivo e de alta calidade. Son todas elas unha histórica demanda dos movimentos e organizacións agrarias nacionais SLG e FRUGA, e do nacionalismo político na comarca do Ribeiro.