Ribadavia acolle o campo de voluntariado “Viaxa pola Istoria” entre o 1 e o 12 de xullo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

●         Esta actividade forma parte dos campos de voluntariado do programa Acción de Verán, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia, 3 de xullo de 2024.- O Concello de Ribadavia é sede do campo de voluntariado “viaxa pola Istoria”, unha actividade que forma parte dos campos de voluntariado do programa acción de verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

“Viaxa pola Istoria” é un campo de voluntariado de carácter cultural que ten entre os seus obxectivos apoiar o proceso de organización dunha Festa de Interese Turístico Nacional, como é a Festa da Istoria, na cal resalta o carácter cultural da festividade. Nesta Festividade de exaltación cultural, a Istoria permite coñecer oficios que hoxe en día están en decadencia ou xa esquecidos, tales como ferreiros, carpinteiros, toneleiros, canteiros, cesteiros e un longo etcétera de tradicións artesanais populares de grande incidencia na historia económica de Galicia, sen esquecer a importancia do viño do Ribeiro.

Os traballos que desenvolverán os participantes no campo de voluntariado poden clasificarse en dúas áreas de actuación; por unha banda, preparación dos elementos ornamentais da caracterización para a “Festa da Istoria”, centrándose na restauración de material que se atopa desfasado ou deteriorado, así como a ampliación de recursos que sexan solicitados (nova cartelería, material para as animacións…). E por outra banda, tamén levarán a cabo a elaboración de recursos turísticos para a dinamización da vila de Ribadavia máis alá da “Festa da Istoria”. Deseñarase un evento de rol en vivo, no que as persoas voluntarias do campo de voluntariado deseñarán unha trama que despois interpretarán interactuando directamente con participantes locais que se unan á actividade.

Os mozos e mozas participantes neste campo de voluntariado, que estarán en Ribadavia entre o 1 e o 12 de xullo, foron recibidos polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, no Salón de Plenos do concello. Nesta recepción, César Fernández deulles a benvida e agradeceulles que decidisen escoller Ribadavia como destino para vivir a experiencia única, na que coñecerán o importante dinamismo cultural e social do Concello de Ribadavia e, ademais, terán a ocasión de descubrir en primeira persoa a enorme cantidade de recursos patrimoniais e naturais que o noso concello ten para ofrecer.