A organización xuvenil do BNG arranca cos preparativos cara o 25 de Xullo, Día da Patria Galega, con diversos actos na cidade e chama á mocidade ourensá a participar deles.
Ourense, a 18 de Xullo de 2024.- A organización xuvenil do BNG arrancaba este mércores os actos da súa VI Semana da Patria en Ourense co despregamento do “Bandeirón da Patria” sobre a Ponte Romana. O responsábel comarcal de Galiza Nova en Ourense, Bruno Fariñas sinalaba que “con este acto simbólico damos comezo aos actos que temos organizados para os vindeiros días, chamamos á mocidade ourensá a participar deles e a mobilizarse con nós o vindeiro 25 de Xullo en Compostela”.
Así mesmo, destaca que “nesta semana desenvolveremos diversos actos como un obradoiro de baile e un serán nacionalista o día 19 de xullo a partir das 20:30h na Praza das Mercedes e un acto sobre os prexuizos lingüísticos na mañá do martes 23 a partir das 11:30h no Centro Cívico Colón, no que intervirá Mercedes Queixas”.
“”
A organización xuvenil do BNG tamén anunciou a súa tradicional homenaxe a Rosalía e Castelao, que como cada ano farán no parque de Santo Domingo de Bonaval, o 24 de xullo ás 17 horas. Nesta ocasión contarán coas intervencións de Alba Quiroga, militante de Galiza Nova en Pontevedra; Marta Gómez, secretaria xeral da organización, e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. O acto estará amenizado pola actuación musical do grupo Pataghullos.
Unha vez rematado, farán unha ofrenda floral a Rosalía de Castro e Daniel Castelao no Panteón dos Galegos Ilustres. “A ofrenda é a nosa festa previa á grande festa popular que é o Festigal e o propio 25 de Xullo, contido político, música en galego e convivio para unhas datas de celebración e loita abertas a toda a mocidade do país”, conclúe Bruno.