mde

Xosé L. Sobrado Pérez Historiador . Presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño

Artigo : ” Xente Nosa: Cesáreo Tizón “

Aínda que coñecido popularmente como Cesáreo Tizón, o seu nome completo resulta ser o de José Cesáreo Tizón López. Este enigmático e case descoñecido persoeiro da historia carballiñesa nace mediado o século XIX, concretamente o 21 de xaneiro de 1846, no pequeno lugar da Lama, hoxe case desaparecido pola construción no seu día da estación do ferrocarril de Boborás. Foi bautizado na parroquia de Xuvencos, pertencendo a nunha familia das consideradas daquela como acomodada e na que os seus pais, Ramón Tizón Baliñas e Ventura López y Gil, formaban unha familia sen moitos problemas económicos. Nese pequeno lugar compartiu veciñanza con outro ilustre persoeiro destas terras: Perfectino Viéitez, co que seguramente tamén compartiu unha boa parte da súa infancia e mocidade.

Abandona o seu fogar familiar e realiza os seus estudios na Universidade de Santiago, obtendo o título de médico o día 17 de marzo de 1875. Dous anos despois, xa metido en avatares políticos, figura como vicesecretario do Partido Republicano naquela fervente Compostela cando xa a monarquía volvera ser restaurada en España despois da curta existencia da I República.

Pouco tempo despois, deixa a capital de Galicia para comezar a súa actividade profesional sanitaria encamiñándoa como médico en Boborás, onde aparece como facultativo no ano 1880, aínda que xa no de 1877 figuraba como Propietario no apartado de electores na parroquia de Xuvencos deste concello.

Posteriormente, abandona as terras aboborasenses e sabemos que establece consulta no Carballiño ocupando a praza de médico titular desa vila, lugar onde ten numerosos problemas co concello no ano 1885 pola súa inxustificada e prolongada ausencia en Vigo “y tener abandonado el servicio de esta plaza”, cuestión que válelle a apertura dun expediente administrativo por parte das autoridades municipais por estes feitos.  Pasado e solucionado este suceso, imos atopalo como médico forense no xulgado carballiñés no ano 1891. Na vila do Arenteiro seguirá exercendo a súa profesión nos anos que seguen e, no mes de novembro de 1902, é nomeado subdelegado de medicina do Partido do Carballiño.

Como político, milita en opcións progresistas, concretamente no Partido Republicano Progresista, formando parte do mesmo dentro do comité do Carballiño como Secretario, nesa opción  que a finais de centuria preside Rogelio Cibeira e que estaba en pleno proceso de reorganización, sendo unha das súas posturas máis contundentes e coñecidas  a adoptada a xeito de protesta contra o chamado Impuesto de Consumos que se pretende implantar de novo por eses anos finais do século XIX, despois de que fose suprimido pola Revolución de 1868 e resultase ser un dos máis impopulares naqueles anos.

No ano 1895, pasa a representar á comarca do Carballiño no Comité provincial progresista coincidindo no mesmo xunto con outras personalidades relevantes da vida política provincial daquel momento, caso dos Amoeiro de Verín. No ano 1900 é nomeado para representar ó comité provincial de Ourense na asemblea do Partido Republicano Progresista celebrada na capital do Estado na chamada “Tertulia progresista”, acompañando na súa encomenda a Pascasio Fernández, Luis Diéguez Amoeiro e Alfonso Rodríguez representando á provincia ourensá.

Pero a súa implicación política vai ter, ademais, importantes resultados na práctica e, deste xeito, durante anos promove e participa activamente na creación da Sociedad de agricultores, oficios y profesiones do Carballiño, legalizada o día 1 de marzo de 1905, da que resulta nomeado o seu primeiro presidente. Entre os fins declarados estatutariamente por esta nova entidade está a creación dunha caixa de aforros e unha cooperativa de produción e consumos.

Dous anos despois, no 1907, esta sociedade, representada neste caso por Cesáreo Tizón, xunto co avogado Lino Álvarez, o procurador Paulino Banga e o perito agrícola Marcial Valeiras Pereira, despois de librar unha dura batalla burocrática, crea o que vai ser o primeiro colexio de carácter privado e laico no Carballiño que vai estar localizado na actual zona da Alameda “en la casa de reciente construcción, sin número, propiedad de don Camilo González, siendo su entrada por la calle del Norte, esquina al campo de la feria…” (lugar onde se atopaba o antigo bar Gerona, hoxe oficina de Abanca). Deste centro de ensino, do que deseguido falaremos un pouco pola importancia e novidade que supón nesta vila, chama a atención o programa educativo e instalacións que ofrece ó seu alumnado. Así, no seu apartado pedagóxico establécese a educación física obrigatoria entre todos os alumnos de “silabario y catón” –os máis pequenos- que deberán compaxinar coa lectura destes dous manuais. Os de máis idade tamén terán que exercitarse fisicamente, ademais de cursar gramática, xeografía e aritmética, pero tamén a escritura, agricultura, xeometría, debuxo, música e o obrigado exercicio da lectura sobre dereitos, deberes e urbanidade da sociedade. No equipamento do centro subliñar a existencia dun total de 24 asentos, ademais das cinco mesas, tinteiros, mapas, globo terráqueo, material de ximnasia, etc. Un colexio moderno e un gran logro social para aqueles tempos.

Cesáreo Tizón proseguirá coa súa profesión ata a súa morte, acontecida o día 8 de outubro do ano 1920 contando daquela con 74 anos, compaxinándoa ó longo da súa vida con outras actividades cívicas, algunha delas de moita transcendencia para O Carballiño, caso da construción do cemiterio civil polo que amosa a súa preocupación e o compromiso persoal para levar adiante a súa execución, cuestión espiñosa para os gobernantes municipais que se resolve coa definitiva aprobación por parte das autoridades do concello, despois de non poucos problemas, enfrontamentos e controversias. Curiosamente, unha vez conseguido este logro, será o seu veciño e amigo da infancia, Perfectino Viéitez, quen se faga cargo dos gastos para dotar dun muro de peche a ese cemiterio polo que tanto loitou.

Persoeiro moi importante na vida social e política carballiñesa neses anos de transición de centuria, no ano 1932 o Concello acorda dedicarlle –pensamos merecidamente- a Cesáreo Tizón o nome dunha das rúas máis céntricas do Carballiño.

——————————————————————————————————–

Outros artigos de Xosé L. Sobrado Pérez :

Xente Nosa: Marcial Taboada de la Riva

O Carballiño e a Gripe. Unha Historia Para Lembrar