Ribadavia conmemorou o 25-N coa plantación dunha oliveira e unha ‘performance’ que lembrou ás 42 mulleres asasinadas este ano

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia conmemorou hoxe o Día Internacional contra a Violencia de Xénero cunha xornada marcada pola reflexión, a lembranza e o compromiso colectivo contra esta lacra social. Ao longo do día, desenvolvéronse diferentes actos para honrar a memoria das vítimas e sensibilizar á cidadanía. Pola mañá, nun emotivo evento celebrado no casco urbano, plantouse unha oliveira como símbolo de esperanza, paz e resistencia fronte á violencia machista. Durante o acto, colocouse unha placa conmemorativa en recordo de todas as vítimas da violencia de xénero e gardouse un minuto de silencio en sinal de respecto e lembranza. Todas as concelleiras da Corporación municipal de Ribadavia, tanto do goberno como da oposición, uníronse para a lectura dun manifesto que destacou a necesidade urxente de continuar loitando por unha sociedade igualitaria e libre de violencia.


Xa pola tarde, ás 20,00 horas, a Praza Maior acolleu un acto organizado pola Asociación de Mulleres Rurais de Ribadavia. O evento contou con 42 mulleres vestidas de negro, representando ás 42 vítimas mortais da violencia machista rexistradas en España ao longo deste ano 2024. Cada unha delas portaba unha vela, simbolizando a memoria das vidas apagadas pola violencia. Este acto cargado de simbolismo serviu para visibilizar a magnitude da traxedia e reforzar o compromiso colectivo de Ribadavia coas vítimas. A xornada de hoxe destacou pola implicación de toda a comunidade, dende as institucións locais ata as asociacións sociais e a veciñanza. O Concello de Ribadavia reafirma o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero, promovendo iniciativas de sensibilización e apoio ás vítimas.