Este sábado 25 de xaneiro na tenda OZOCOgz presentación e sinatura de exemplares Premios Xerais 2024

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Detective Ferruchi, de Marta Villar, Premio Xerais de Novela 2024
A xornalista Marta Villar é a autora da obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2024, Detective Ferruchi. A escritora conta que tiña ganas de contar unha historia de crime e investigación dende a perspectiva dunha protagonista muller. “Xuntei esa idea con outra: a das mulleres que traballaron nas cooperativas téxtiles de Inditex”, conta Marta Villar sobre a orixe da obra. Ademais, no texto é fundamental o ton irónico e paródico, que atravesa toda a novela
A historia comeza cando Sol Cortés, a protagonista, decide darlle un xiro radical á súa vida. Deixa a cidade onde vive e o seu traballo como padronista en Inditex para regresar á súa vila natal, despois de moitos anos, e abrir unha libraría. Aos poucos días aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario introvertido e cun don especial para curar animais. A trama céntrase na investigación paralela deste crime que realiza Sol e durante as súas pescudas xorden unha morea de personaxes peculiares e sorprendentes que amosan, unhas veces con humor e outras con gravidade, temas da sociedade actual que invitan á reflexión. Ao longo da historia visibilízanse colectivos minoritarios que reivindican o valor da diferenza e rachan cos prexuízos. Detective Ferruchi tamén lles dá voz a todas esas mulleres que desde os anos oitenta axudaron a levantar un imperio téxtil internacional grazas ao seu traballo nas cooperativas. Un traballo duro pero que para moitas significou a súa independencia económica. Esta é unha novela coral e divertida contada cun ton irónico e eficaz que consegue manter a intriga ata o final.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

I’m Obélix, de Raquel Fernández Fernández, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2024
Raquel Fernández Fernández retrata na súa novela a realidade do acoso escolar dende a perspectiva dun adolescente con TDAH. Deste xeito, o texto non se limita a falar só de vítima e acosador, senón tamén da atmosfera en que se producen eses casos e tamén do caldo de cultivo que os favorecen. I’m Obélix xurdiu da necesidade de falar dun problema “incrustado e xeral moi complicado de erradicar”, tal e como indica a autora. “O entorno adulto, tanto familiar como escolar, ten moito que ver nestas situacións tan complexas”, explica. 
O protagonista desta historia, Isma, é un neno de 13 anos inspirado en moitos dos nenos e nenas con TDAH que coñece a autora. Este mozo afronta un novo curso do instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que en principio semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas -e mesmo de certo alivio-, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade dun sector do profesorado e do alumnado. Con certos toques de humor e unha chea de referencias ao mundo adolescente actual, I’m Obélix achéganos á crúa realidade do día a día nun instituto calquera, onde ser diferente é un desafío e, demasiadas veces, constitúe unha traxedia para a vítima e a súa familia

Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé, Premio Merlín de Literatura Infantil 2024
Abel Tomé constrúe en Milú e o edificio das persoas extraordinarias un escenario marxinado dende o que se pode soñar cun mundo mellor dende a colectividade e co poder da imaxinación. A obra foi definida polo xurado como unha fábula social en que se pon en valor a fantasía infantil. “Os nenos e as nenas desta historia son os que, dende a súa realidade, cren posible o que os adultos consideran imposible”. 
Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. O don de Milú é construír soños. Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares. Unha luminosa fábula social sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor. O optimismo e a fantasía propios da infancia convértense nesta historia nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo.

Fonte: https://www.xerais.gal/noticia/as-obras-ganadoras-dos-premios-xerais-2024-chegan-as-librarias/