Non escrito dirixido ao Concello a Anpa do Conservatorio propón Un chamamento ao consenso: Solucións para a Escola de Música de Carballiño.
Escribímoslle con profunda inquedanza desde a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do Conservatorio de Carballiño, así como en representación de numerosas familias afectadas pola situación actual da Escola de Música. Recoñecemos e valoramos o papel esencial que esta institución desempeña na nosa comunidade, ofrecendo un servizo cultural fundamental e equiparable ao doutras localidades, como detallamos nos nosos comunicados anteriores .
Comprendemos a complexidade da xestión de recursos públicos e as diversas prioridades que a súa área de educación debe atender. Porén, consideramos que o investimento na educación musical e cultural da nosa xuventude é unha aposta crucial para o futuro de Carballiño.
Non obstante, alármanos o recente incremento nas tarifas da Escola de Música, unha medida que, sumada á conxelación da oferta educativa, a persistente carencia de profesorado pon en serio risco a sustentabilidade deste servizo. Entendemos por sustentabilidade a capacidade da Escola de Música para perdurar e operar eficazmente ao longo do tempo a nivel cultural, social e educativo
A táboa de tarifas da escola de música que vostede vai presentar no próximo pleno para a súa aprobación que se nos facilitou evidencia un aumento considerable nas cotas para o ano 2025, en comparación coas de 2024. A modo de exemplo, as familias con ingresos entre o 201% e o 250% do IPREM afrontarán un incremento de 89,38 €, pasando de 150,62 € en 2024 a 240 € en 2025. Este aumento, que se reflicte en case todos os tramos, supón unha carga importante para moitas familias e cuestiona a viabilidade do acceso ao servizo. Adxuntamos a taboa comparativa de aumentos
Lembramos o compromiso adquirido pola súa concellería de colaborar na elaboración dunha ordenanza que beneficie a todos os usuarios, e lamentamos a falta de avances neste sentido.
É fundamental lembrar que o Conservatorio Municipal é moito máis que un gasto; é un investimento no talento local, un motor da vida cultural e un símbolo da nosa identidade.
Comprendemos as múltiples necesidades da área de educación, pero non podemos relegar a formación musical da nosa xuventude . O Conservatorio necesita con urxencia melloras nas condicións laborais dos profesores, a contratación de profesores e de especialistas e a ampliación da oferta de instrumentos.
Así mesmo, consideramos imprescindible revisar o formato das clases de instrumento. As sesións de media hora unha vez a semana , a miúdo insuficiente , non xustifican o aumento de tarifas.
Por todo iso, solicitamos encarecidamente:
1. A convocatoria do Consello Escolar e de reunións para abordar as nosas demandas e atopar solucións conxuntas.
2. A revisión inmediata das tarifas, buscando un equilibrio entre a sustentabilidade e a accesibilidade.
3. O cumprimento do compromiso de elaborar unha ordenanza consensuada.
4. A ampliación da oferta educativa e a solución á falta de profesorado.
5. A revisión do formato das clases de instrumento.
Cremos firmemente na importancia de escoitar a todas as partes para asegurar o futuro da Escola de Música e a súa valiosa contribución a Carballiño. Ofrecémonos a colaborar na busca de solucións.

