A programación da ‘Semana Santa 2025’ do Carballiño, elaborada pola Confraría da Vera Cruz continuará mañá, 5 de abril, unha vez rematado o ciclo de conferencias “Anta la Semana Santa: Deus, fundamento da esperanza”, que se desenvolveu na Igrexa Vella entre o 31 de marzo e o 2 de abril cos profesores César Barta e Xabier Limia coma ponentes.
Así é que mañá, sábado, a Banda de cornetas e tambores ‘Nuestro Padre Jesús Nazareno’ do Ferrol protagonizará un pasarrúas polo centro da vila, antes do concerto que ofrecerán ás 20,30 horas na igrexa da Veracruz. Xa o domingo , día 6, e no mesmo templo, terá lugar unha misa, co acompañamento da Coral de Ruada, e o pregón oficial desta Semana Santa, que correrá a cargo de Mariano Rajoy Brey, que fora presidente do Goberno do Estado entre 2011 e 2018. O que tamén fora líder do Partido Popular pasou unha boa parte da súa infancia na vila do Arenteiro, onde o seu pai exerceu de xuíz do partido xudicial do Carballiño dende mediados dos anos 50 ata ben entrados os anos 60 do pasado século.
Coa colaboración da parroquia de San Cibrao, o Concello do Carballiño e a Deputación Provincial, no programa destaca a incorporación dunha nova imaxe da Nosa Señora da Esperanza, que se suma aos dous pasos da procesión do Xoves Santo, así como dous roteiros culturais polas igrexas da vila e da contorna. Estas novidades teñen como obxectivo seguir potenciando a Semana Santa carballiñesa coa expectativa de que a próxima edición conte xa coa declaración de Interese Turístico de Galicia, para o cal xa se realizaron todos os trámites pertinentes.
Tres conferencias, dous roteiros guiados, unha exposición, un concerto de música e seis procesións e actos litúrxicos que contarán co acompañamento de sete bandas, tres corais e oito saeteiros e saeteiras conforman a programación elaborada pola Confraría da Vera Cruz carballiñesa.

















