A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, traslada ás institucións europeas a oposición á explotación da mina de Doade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

No marco da ofensiva que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) está desenvolvendo en contra da explotación da mina de Doade, a eurodeputada desta formación política, Ana Miranda, xa trasladou a oposición a este proxecto megamineiro ás institucións europeas, tanto a través dunha carta remitida ao Vicepresidente Executivo da Comisión Europea para a Prosperidade e Estratexia Industrial, Stéphane Séjourné, como mediante a presentación dunha pregunta parlamentar.

“Galiza non pode ser territorio de espolio para satisfacer os intereses armamentísticos da Unión Europea”, subliñou a eurodeputada galega durante a visita que realizou á Serra do Suído, xunto ao responsable comarcal de Ourense, Sarín Núñez; o responsable comarcal do Ribeiro, Xavier López; a concelleira do BNG de Covelo, Belén Carballo; e diversos representantes da plataforma SOS Suído Seixo.

Ana Miranda destacou que a existencia de materiais como o litio non pode servir nin para espoliar Galiza nin para branquear as políticas de rearme que está levando a cabo a Unión Europea, tendo en conta que o proxecto contempla unha mina subterránea e unha planta para o tratamento de minerais na serra do Suído e o monte do Seixo. Neste sentido, expresou o seu compromiso a seguir denunciando este espolio nas institucións europeas.

Ademais, a eurodeputada do BNG denunciou a falta de participación das comunidades locais, en concreto das comunidades de montes, das asociacións ecoloxistas e dos sindicatos sectoriais do rural nos órganos de regulación do sector. Precisamente a pregunta remitida á Comisión Europea fai referencia á importancia de que a CE garanta a participación na xestión do proxecto e de que, en caso de que este proxecto estratéxico de materia prima crítica sexa contrario aos intereses públicos galegos poidan decidir non conceder a aprobación para o desenvolvemento desta mina.

Anteriormente ao envío da carta ao vicepresidente da CE para a Prosperidade e Estratexia Industrial e da pregunta parlamentar, e debido a preocupación pola existencia en Galiza de recursos mineiros, xa no 2023 Ana Miranda presentou un total de 50 emendas no informe da Comisión de Política Rexional da Lei de Materias Primas (Regulación Europea 2023/0079), das que 43 foron incluídas no texto final e se referían especificamente as materias primas que presentan un alto risco de subministración, como poden ser o litio para as baterías ou o silicio para os semicondutores.