Este venres, 23 de maio, Ribadavia converterase no epicentro do baile afrolatino coa celebración do congreso ‘OUbaila’, un evento que combina formación e práctica social arredor de ritmos como a salsa, a bachata e a kizomba. O congreso, que forma parte do programa de fomento do deporte da Deputación Provincial de Ourense, ofrecerá unha intensa xornada de actividades na vila ao longo de todo o día.
A programación comezará ás 16,30 horas na Alameda de Ribadavia cunha clase aberta e gratuíta de roda de casino, dirixida polo recoñecido bailarín cubano Carlos Tarafa, pensada para que toda persoa que se achegue poida participar e iniciarse nestes ritmos.
A partir das 17,30 horas, as actividades trasladaranse ás instalacións do Club Artístico de Ribadavia, onde será necesaria entrada. Alí, ás 18,00h, o bailarín Diego Sánchez ofrecerá unha clase de bachata. Ás 19,00h, será a quenda dun solo de jazz coa artista Lainey Silver, seguido ás 20,00h dunha nova sesión de bachata con Carlos Nejarano. Ás 21,00h, Rui Bonfim encargarase de poñer a kizomba no centro da pista.
Despois dun descanso entre as 22,00 e as 23,30 horas, a noite retomarase con forza coa bachata de Mau e Joha, para continuar ás 00,30h coa kizomba da man de Nuno e Nagyla. Xa entrada a madrugada, ás 1,30h, arrancará a gran festa temática “Grease Night”, en homenaxe á mítica película musical. Para esta ocasión especial, o público está convidado a acudir vestido co estilo típico do filme. A festa prolongarase ata as 4,30 horas da madrugada e contará coa animación musical dos DJs Bejarano e Juan Fernández, así como con diversos espectáculos a partir das 2,00 horas.
A entrada para as actividades no Club Artístico ten un prezo de 20 euros e inclúe unha copa. As entradas poden adquirirse no propio club. Ribadavia prepárase así para acoller unha xornada única, onde a paixón polo baile e a cultura afrolatina serán os grandes protagonistas.