A Agrupación Socialista de Leiro amosa o seu respaldo á de Carballiño “fronte a campaña de descrédito e ataque persoal” por parte de Espazo Común

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Agrupación Socialista de Leiro, a través do seu grupo muncipal, vén de facer público un comunicado oficial no que “expresa públicamente o seu respaldo firme e fraternal ás compañeiras e compañeiros do PSdeG-PSOE do Carballiño, que están a ser obxecto dunha campaña de descrédito e ataque persoal por parte de Espazo Común” amparándose na excusa dun “código ético” para sementar confrontación e desprestixiar ao adversario político.

Así, dende o PSdeG-PSOE de Leiro reivindican “o traballo serio, responsable e comprometido que realiza o noso compañeiro Diego Fernández, tanto no Concello do Carballiño como na Deputación de Ourense, exercendo as súas funcións con dignidade, ética e lealdade institucional”.

Engaden que “non aceptamos leccións de ética de quen fai da política un campo de batalla persoal, apoiándose na crispación, o insulto e a manipulación interesada. A ética política non se constrúe con titulares nin con mocións oportunistas, senón co traballo diario, coa transparencia e co respecto ás institucións e á cidadanía”.

Desde o PSdeG de Leiro fan un chamamento “a todos os actores políticos a deixar atrás o ruído e centrarse no que de verdade importa: mellorar a vida das persoas, reforzar os servizos públicos e defender os intereses da veciñanza desde a honestidade e a cooperación”. Engaden que “apoiar a dignidade das persoas que nos representan, defender o respecto institucional e rexeitar a guerra sucia é, hoxe máis que nunca, unha obriga ética e política”.

“O noso compromiso coa democracia, coa convivencia e cunha Galicia mellor segue intacto. E o noso apoio aos compañeiros e compañeiras do Carballiño, tamén”, conclúen dende o PSOE de Leiro.