


O Carballiño acolleu esta mañá o ‘Encontro na rúa’ convocado polas asociacións e plataformas que defenden unha paralización dos proxectos presentados en Galicia para a construción de novos parques eólico, e máis concretamente, os previstos para a comarca. A pesares do sol e a calor, a resposta da cidadanía a este acto, nomeado “Non máis eólicos”, foi bastante exitosa, xa que foron máis de 200 as persoas que se achegaron ata a céntrica praza de Emila Pardo Bazán da vila do Arenteiro.
Alí puideron verse representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal do Carballiño, coma Diego Fernández (PSOE), Miguel Fernández (PP) ou Adolfo Nogueira (Espazo Común) e tamén do consello local do BNG, e das entidades colaboradoras coma A.C. Avantar ou Cine Club Carballiño. Os convocantes agradeceron o apoio do Concello carballiñés, que amosou, na última sesión plenaria, unha total unanimidade á hora de alegar contra os devanditos proxectos.
Diferentes voceiros das asociacións ecoloxistas falaron do impacto que supón a instalación dunha liña de alta tensión, de evacuación de electricidade, cuxo tendido atravesaría núcleos de poboación de parroquias do municipio carballiñés, como Madarnás, Mudelos ou A Piteira, ademais das intrínsecas consecuencias medioambientais sobre fauna e flora.
As persoas asistentes tiveron a oportunidade de asinar un escrito de rexeitamento dos proxectos eólicos e tamén, as alegacións concretas sobre o tendido de alta tensión que afectará a localidades do Carballiño e a súa comarca.