O acondicionamento da estrada da Veiga, que une os municipios de Ribadavia, Carballeda de Avia e Beade, estará rematado en agosto

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Ribadavia xa adxudicou á empresa Extraco Construccións e Proxectos o contrato para executar as obras de rehabilitación da coñecida como estrada da Veiga, en San Cristovo de Regodeigón. A intervención comezará ao longo do mes de agosto e supón un importante avance para mellorar a seguridade e accesibilidade neste núcleo rural, que conta con máis de 200 habitantes.

COMERCIAL ORCELLÓN

A actuación, cun orzamento de licitación de 225.638,84 euros, está financiada integramente pola Deputación de Ourense a través do Plan CooperOU e terá un prazo de execución de tres meses, pero a previsión é que se remate en menos de un e polo tanto no mesmo mes de agosto.

O proxecto contempla a renovación integral do firme, actualmente moi deteriorado, mediante unha base de grava e varias capas de aglomerado en quente, así como a instalación dun novo sistema de drenaxe con canalizacións e pozos de rexistro para facilitar a evacuación da auga pluvial. Todo iso permitirá incrementar a seguridade viaria, tanto para condutores como para peóns.

Trátase dunha obra moi demandada pola veciñanza, xa que esta estrada, malia ser secundaria, rexistra un alto volume de circulación diaria.  A vía conecta San Cristovo (Ribadavia) coa Veiga (Carballeda de Avia) e forma parte do traxecto que une Regadas (Beade) coa capital do Ribeiro, ademais de dar acceso a zonas de viñedo.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “con esta adxudicación cumprimos o compromiso adquirido coa veciñanza de San Cristovo. As obras comezarán este mes de agosto, e permitirán renovar unha vía clave para a mobilidade entre varios concellos e núcleos do Ribeiro”.

Con esta nova intervención, Ribadavia dá un paso máis no seu obxectivo de mellorar a rede viaria municipal e garantir uns servizos públicos e infrastructuras de calidade tamén nas parroquias.

O rexedor engadiu que “continuamos avanzando no noso plan de mellora das infraestruturas municipais, reforzando a seguridade viaria e facilitando o acceso ás zonas rurais. Este tipo de actuacións son esenciais para combater o despoboamento e mellorar a calidade de vida da nosa xente”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------