Eladio Santos anima á cidadanía a desfrutar da 63ª edición da Festa do Pulpo do Carballiño “con responsabilidade”

  O subdelegado coordinou ás Forzas e Corpos e aos efectivos de emerxencias para garantir “a máxima seguridade” na festa de interese turístico internacional, cun dispositivo especial composto por máis de 50 persoas

  O número de delitos no municipio descendeu no primeiro semestre de 2025 respecto ao mesmo período do ano anterior

  O subdelegado pediu a implicación de toda a sociedade e as institucións para acabar coa violencia de xénero, con 30 casos activos no Carballiño

O Carballiño (Ourense), 24 de xullo de 2025.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou hoxe á cidadanía a desfrutar da 63ª edición da Festa do Pulpo do Carballiño “con responsabilidade”. Fíxoo durante a Xunta Local de Seguridade que copresidiu esta mañá xunto ao alcalde en funcións, José Rafael Castro-Gil.

Na reunión, que aglutinou a Xunta Local de Seguridade ordinaria e a específica da Festa do Pulpo, participaron a directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes, Beatriz Fernández; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo; o concelleiro de Seguridade do Carballiño, Alberto Otero; o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; axentes da Garda Civil e da Policía Local; bombeiros; membros de Cruz Vermella, efectivos da AXEGA e Protección Civil do municipio.

Eladio Santos coordinou o operativo para garantir “a máxima seguridade” na festa de interese turístico internacional, dedicada este ano a Noventa Padovana e que celebra o seu día grande o 10 de agosto, co xantar no Parque Municipal. Ese dispositivo estará composto por 29 gardas civís (4 de Tráfico), 15 policías locais e polo menos 4 axentes da Policía Autonómica, xunto a Protección Civil, dous técnicos da AXEGA e un dispositivo sanitario.

Por outra banda, a Xunta Local de Seguridade ordinaria abordou as estatísticas de criminalidade da Garda Civil no Carballiño, que revelan un descenso claro dos delitos cometidos, pois en 2024 se rexistrou unha baixada do 14% respecto ao ano anterior e a diminución continuou no primeiro semestre de 2025. “O traballo conxunto e a colaboración da Policía Local e a Garda Civil tradúcese nunha baixada da delincuencia que consolida o municipio como un lugar seguro”, remarcou Santos.

Violencia de xénero

Respecto ao informe de violencia de xénero, no Carballiño hai 30 casos activos, 3 máis que na Xunta Local de Seguridade do ano pasado. A maioría deles contan con medidas xudiciais de afastamento e prohibición de comunicación. “Precisamos a implicación de toda a sociedade e todas as institucións para acabar coa lacra que supón a violencia sobre as mulleres”, incidiu o subdelegado, quen recordou que o número 016 está a disposición de todas as vítimas as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Plan Director

Tamén se abordou o Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas, no marco do cal a Garda Civil impartiu 30 charlas durante o curso 2024/25 nos diferentes centros educativos do Carballiño. Os temas abordados foron protección de datos, acoso e ciberacoso, violencia de xénero, seguridade viaria e adicións. Acudiron un total de 690 alumnos e 30 profesores. Ademais, a Garda Civil puxo en valor que tamén asistiron a varias charlas 232 pais e nais do CEIP Calvo Sotelo. O subdelegado felicitou aos axentes por conseguir chegar ás familias, “un feito fundamental para dar a coñecer os perigos aos que se enfrontan os menores e poder previr problemas”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------