A través de varias iniciativas rexistradas no Parlamento de Galiza, a formación nacionalista reclama a ampliación do cadro de persoal funcionario, a ampliación da planta xudicial Civil e Penal así como evitar a comarcalización da futura sección de violencia sobre a muller
Ourense, 27 de xullo de 2025. O Grupo parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza rexistrou nos últimos días unha batería de iniciativas cuxo obxectivo é “a mellora do funcionamento da administración de xustiza en Ourense”. Quen fala é o deputado por Ourense Iago Tabarés, impulsor das mesmas.
En concreto, o BNG demanda, tal e como sinala Tabarés, “a ampliación do cadro de persoal funcionario e a cobertura inmediata das baixas que se produzan, evitando situacións como as vividas no Xulgado de instrucción número dous, onde a falla de cobertura dos postos fai que non poda atenderse o servizo de garda e o despacho ordinario de asuntos”.
Outra das reivindicacións da formación nacionalista ten que ver coa necesaria “implicación da Xunta de Galiza na ampliación da planta xudicial tanto en materia Civil como Penal, xurisdiccións que actualmente están cunha extraordinaria carga de traballo”.
Iago Tabarés tamén adianta que solicitaránlle ao Executivo galego “que actúe para evitar a comarcalización da futura sección de violencia sobre a muller, que estendería a súa competencia a case todos os partidos xudiciais de Ourense xa que atendería ao 88% da poboación e ao 71% do territorio, feito que prexudicaría notablemente a atención ás vítimas” e engade, “tampouco é baladí o feito de que estaríamos diante dunha unidade xudicial que nacería cunha carga de traballo moi por riba do máximo aconsellábel polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o que impediría o seu correcto funcionamento malia contar cun cadro de grandes profesionais”.
Para o deputado Tabarés, a situación da Administración de Xustiza en Ourense revela que neste ámbito, “a Xunta de Galiza tamen desantende, como en tantos outros, as necesidades de Ourense e en consecuencia das e dos ourensáns”.