A Festa da Istoria anuncia a recuperación do tradicional “Certame de Pintura Rápida”, que non se celebraba desde o ano 2019. Esta será a 10ª edición do concurso, unha das actividades máis valoradas polo público e polos artistas participantes. O certame terá lugar o venres 29 de agosto, dando comezo ás 10,30 horas e finalizando ás 18,00 horas. Durante ese tempo, os artistas deberán realizar unha obra pictórica inspirada nos espazos e na esencia histórica de Ribadavia.
Poderán concorrer ao certame todas aquelas persoas maiores de 16 anos que así o desexen. O tema será “Ribadavia e a súa Festa da Istoria”, e os cadros deberán reflexar algunha escena de inspiración medieval. A obra deberá pintarse “in situ”, no lugar elixido polo propio artista. Non se aceptará a realización de obras baseadas en fotografías ou outros soportes similares, podendo ser motivo de descalificación o feito de non pintar directamente no espazo e momento establecidos.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico a yoly@festadaistoria.com antes do día 26 de agosto. Unha vez inscritas, recibirán as bases completas do certame. Establécense os seguintes premios para esta edición: un primeiro, ‘Condes Sarmiento’, de 500 euros, e dous accésits, ‘Marqués de Bahomonde’, de 200 euros, e ‘Castro de Mendoza’, tamén de 200 euros.
Este certame busca promover a creación artística ao tempo que se pon en valor o patrimonio e a historia de Ribadavia, nun marco incomparable como é a Festa da Istoria.