O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar no Concello do Carballiño un escrito no que se solicitan analíticas da calidade da auga do río Arenteiro xunto con medidas dirixidas á limitación do consumo de auga no verán. No escrito alértase do estado actual do río nalgunhas zonas de estancamento con claros indicios de falla de osíxeno na auga polo que se solicita que Augas de Galicia, a petición do goberno municipal, realice analíticas no río para saber se é apta ou non para o baño. Tamén se piden medidas reguladoras de consumo dadas as condicións meteorolóxicas actuais e futuras con altísimas temperaturas e falla de chuvias xunto co aumento da poboación propio destas datas de verán
Dende o BNG do Carballiño consideran que o río Arenteiro, xunto cos outros espazos naturais do concello, ten un potencial enorme de ocio e benestar para veciñas, veciños e visitantes, podendo, con medidas acertadas ser unha fonte enorme xeradora de riqueza ao seu redor; “mais a xestión que se está a facer sobre estes recursos polo actual goberno carballiñés non é, dende logo o mellor xeito de acadar este obxectivo”. “A veciñanza do Carballiño ten unha débeda co Arenteiro, o río sen o cal probabelmente o noso concello non existiría”, conclúen.