Luis Menor agradécelle aos integrantes das Xornadas de Folclore a súa comprensión polas anulacións de espectáculos polos lumes forestais

As Xornadas de Folclore viviron esta mañá a tradicional recepción institucional no salón de Plenos do Pazo Provincial. Os representantes das seis agrupacións folclóricas protagonistas nesta edición, guiados polo director das Xornadas, Xulio Fernández Senra, foron recibidos polo presidente provincial, Luis Menor, así como polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández.

Menor fixo referencia ás 40 edicións que as Xornadas de Folclore cumpren este ano, “unha edición redonda que cumpre 4 décadas dinamizando culturalmente o noso rural, e que son todo un orgullo para a Deputación”. Tamén quixo agradecer o presidente provincial aos grupos participantes non só o seu traballo e bo facer sobre o escenario, senón que nesta ocasión en particular “a súa comprensión polas anulacións de espectáculos (ata o de agora, os de Manzaneda e Verín) se están realizando por mor dos lumes forestais que están asolando a provincia”.

Con case medio século de historia ás súas costas, as Xornadas de Folclore están consolidadas como un dos eventos máis esperados do verán cultural ourensán, que nesta edición conta coa participación de seis agrupacións procedentes de Arxentina, Chile, Filipinas, Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia, que suman 187 artistas que estarán por toda a provincia ata o 21 de agosto.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------