O Concello de Ribadavia informa de que do 22 ao 29 de agosto estará aberto o prazo de inscrición para o Servizo de Conciliación de Mañá e Tarde correspondente ao curso 2025/2026. Este recurso municipal ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, ofrecendo atención a nenos e nenas en horario de mañá, de 07:30 a 09:00 horas, e en horario de tarde, de 15:00 a 16:30 horas, todos os días de período lectivo escolar. O servizo desenvolverase nas instalacións do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, podendo beneficiarse del tanto o alumnado deste centro como o do CRA Amencer, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, é dicir, educación infantil e primaria.
O número total de prazas ofertadas será de 30, se ben poderán ampliarse de xeito temporal en casos de conciliación debidamente acreditada. Para a adxudicación das prazas teranse en conta criterios de preferencia como que todos os membros da unidade familiar estean empadroados en Ribadavia, que ambos proxenitores traballen e a súa xornada coincida co horario do servizo, que o neno ou nena teña unha discapacidade igual ou superior ao 33% e a orde da data de solicitude. Unha vez esgotadas as prazas dispoñibles, crearase unha listaxe de agarda atendendo á mesma orde de prioridade. Ademais, se existiran vacantes, o servizo poderá empregarse tamén para días puntuais sempre que exista unha necesidade xustificada, cun máximo de tres días ao mes e tres meses ao ano, establecéndose un prezo de 3,50 euros por día.
Este programa contempla tamén que, no caso de que tres ou máis nenos precisen traslado desde o centro onde se desenvolve o Servizo de Conciliación a outro centro escolar, o Concello facilitará os medios necesarios dentro das súas posibilidades. No horario de mañá ofrécese ademais servizo de almorzo, consistente de forma básica e diaria en leite, cacao, galletas, cereais e/ou froita.
As tarifas do servizo son de 30 euros ao mes para o programa Concilia de Mañá (20 euros no caso de medio mes) e de 20 euros ao mes para o Concilia de Tarde (15 euros en caso de medio mes). Existen prezos reducidos para familias numerosas, monoparentais ou cando participe un segundo irmán, e as unidades familiares que xustifiquen ingresos inferiores ó SMI beneficiaranse dunha redución adicional do 25%.
As solicitudes e máis información poden tramitarse a través do correo electrónico servizosociais@ribadavia.es ou no teléfono 988 47 24 03. As bases completas que regulan este servizo están dispoñibles na páxina web do Concello de Ribadavia: www.ribadavia.es.