O Conservatorio do Carballiño recibe 50.000 euros da Deputación para o seu funcionamento

A Xunta de Goberno desta mañá vén de mobilizar un total de 403.647,6 euros a través da aprobación dun total de 15 asuntos, dos que 12 foron adicados á cooperación con concellos da provincia, sumando un importe total de 363.647,6 euros. No que atinxe á colaboración con entidades culturais e deportivas, a achega provincial desta semana é de 40.000 euros, destinada ao Silfest Valdeorras 2025 e á World series Copa del Mundo de Aventura.

Deste xeito, o Concello do Carballiño obterá 50.000 euros para gastos de funcionamento do seu conservatorio; o de Monterrei recibirá 15.000 euros para a IV Festa da Vendima; o de Parada de Sil obterá dúas axudas: para o seu plan de sostibilidade turística (30.000 euros) e para o mantemento da Casa do Chocolate en Teimende (20.000 euros). O GES de Pereiro de Aguiar disporá de 40.000 euros para os seus gastos de funcionamento, e o concello desta localidade disporá de 6.000 euros para o funcionamento do seu campo de fútbol. O Concello de Quintela de Leirado obterá 45.000 euros para os gastos de funcionamento da súa casa comunitaria, do mesmo xeito que o de Ribadavia percibirá 4.000 euros para o mantemento do campo de fútbol. Para alumeado público con eficiencia enerxética, o Concello de Bande terá 7.647,60 euros.

No que respecta ao Concello de Baños de Molgas, obterá 60.000 euros para acondicionar unha rúa en Piúca, do mesmo xeito que o de Beade percibirá 30.000 euros para melloras no saneamento, e o de Cartelle recibirá 48.000 euros para reparar camiños municipais. Por último, para reparar un camiño en Orega, o Concello de Leiro disporá de 8.000 euros.

Na mesma sesión da Xunta de Goberno tamén foi aprobada unha expropiación forzosa para a execución da segunda fase dunha senda turística termal en Monterrei.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------