No que respecta á primeira das propostas debatidas a petición das e dos edís do PSdeG, a voceira, Natalia González Benéitez, expuxo a relevancia de que a terceira cidade de Galicia conte canto antes cun Plan de Emerxencias Municipal (PEMU) porque se trata dunha ferramenta clave de planificación e preventiva
“A realidade social amosa que a demanda segue a medrar, polo que resulta urxente reforzar o programa, ampliar prazas e habilitar crédito suficiente para atender todas as solicitudes pendentes e futuras”, destacou a tamén secretaria de Política Social dos e das Socialistas de Galicia sobre Xantar na Casa
Ourense, 5 de setembro de 2025. O grupo municipal socialista conseguiu que se aprobasen, na sesión plenaria ordinaria de setembro, as súas iniciativas para que, por unha banda, se elabore e entre en vigor un Plan de Emerxencias Municipais para a cidade e, por outra, se aumenten o número de prazas destinadas ás persoas que precisen solicitar a súa inclusión no programa Xanta na Casa. Ámbalas dúas mocións foron respaldadas cos votos a favor de BNG e PP e a abstención de DO.
No que respecta á primeira das propostas debatidas a petición das e dos edís do PSdeG, a voceira, Natalia González Benéitez, expuxo a relevancia de que a terceira cidade de Galicia conte canto antes cun Plan de Emerxencias Municipal (PEMU) porque se trata dunha ferramenta clave de planificación e preventiva, que permite identificar riscos no territorio, analizar recursos dispoñibles (humanos, materiais, técnicos), e establecer protocolos de actuación claros ante emerxencias: evacuacións, confinamentos, activación de centros operativos, coordinación interinstitucional, aviso á poboación…
Aproveitou, durante a súa intervención, para incidir en que non só resulta de vital importancia contar con esta ferramenta, senón que tamén é obrigatorio e que, ademais, debería respectarse aos traballadores e traballadoras que se encargan da protección da cidadanía cando acontecen desgrazas como a recente vaga de lumes; pero tamén o resto do ano, no canto de menosprezar a súa importancia.
Entre os puntos de acordo aprobados está o de impulsar á creación dunha xunta técnica consultiva, formada polos responsables dos servizos municipais correspondentes, representantes dos grupos municipais, e outros axentes relevantes. Tamén o de pedir a futura homologación do PEMU pola Comisión Galega de Protección Civil, tal e como establece a propia normativa autonómica, garantindo así a súa integración no Plan Territorial (PLATERGA) e a apertura de canles de colaboración interinstitucional.
A segunda das iniciativas que o PSdeG presentou foi encamiñada a que o grupo de goberno de Gonzalo Pérez Jácome solicite á Xunta de Galicia que amplíe, a través dunha addenda, as prazas de beneficiarios e beneficiarias do programa Xantar na Casa para dar resposta ás 9 persoas que xa se atopan en lista de agarda e ás vindeiras que poidan solicitalo no futuro.
A portavoz dos e das socialistas no Concello de Ourense lembrou a pésima xestión que deste servizo público está a realizar o executivo de DO logo de facer desaparecer o Comedor sobre Rodas –que no seu día deu cobertura a case 400 persoas maiores e dependentes na cidade– e tardar catro meses en asinar o convenio co executivo autonómico para que se fixera cargo da alimentación de ourensáns e ourensás en risco de exclusión ou en situación de dependencia.
“Na actualidade, este servizo municipal dá cobertura a 62 persoas na cidade de Ourense, mais existen 9 veciños e veciñas en lista de agarda que non poden acceder a el pola falta de prazas dispoñibles.Ademais, a realidade social amosa que a demanda segue a medrar, polo que resulta urxente reforzar o programa, ampliar prazas e habilitar crédito suficiente para atender todas as solicitudes pendentes e futuras”, destacou a tamén secretaria de Política Social dos e das Socialistas de Galicia.
Así as cousas, incidiu en que a propia cláusula terceira do convenio establece que este número máximo de persoas beneficiarias poderá ser modificado mediante a sinatura da correspondente addenda de modificación, sempre que se xustifique a necesidade e exista consignación orzamentaria axeitada por parte das institucións asinantes. “Tendo en conta o envellecemento da poboación, o incremento das situacións de dependencia e o valor social deste servizo, resulta prioritario instar á Alcaldía a promover, con carácter inmediato, as xestións necesarias ante o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a sinatura dunha addenda ao convenio actual que permita ampliar o número de prazas ofertadas na cidade”, rematou.