Máis de 15.000 persoas viron en Ribadavia a exposición “Rostros” de ABANCA que se clausurará este domingo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Máis de 15.000 persoas puideron gozar xa en Ribadavia da mostra de rúa «Rostros das coleccións de ABANCA e Afundación». Esta nova proposta do proxecto «Corrente Cultural» chega a este municipio grazas á colaboración do Concello, ABANCA e Afundación. O alcalde, César Manuel Fernández Gil; Mateo Alonso Sanromán, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano, a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez e o director da oficina de ABANCA en Ribadavia, Primitivo González, visitaron esta mañá a exposición que se pode visitar ata o vindeiro domingo.  

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a esta iniciativa, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Considérase retrato a imaxe dunha persoa reproducida en pintura, escultura, debuxo ou fotografía que describe a aparencia e o carácter do individuo representado. Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interese radica en que non só se trata dunha representación figurativa, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus sinais de identidade. Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, desde as redes sociais ata as campañas publicitarias, e reflicten a nosa sociedade globalizada e conectada. As autofotos da era dixital democratizan a arte do autorretrato xogando un importante papel na construción de identidades persoais e colectivas.

Esta mostra invita a explorar as diferentes e fascinantes interpretacións que os artistas realizaron (e realizan) deste xénero, a mergullarnos nas lembranzas das xentes que evocan, nas sensacións que transmiten e nas novas fórmulas que foron introducindo desde finais do século XIX ata os nosos días, ao compás dos movementos artísticos que se van sucedendo.

Unha selección de obras nacidas en Galicia permítennos descubrir a utilización do retrato como ferramenta de comunicación para transmitir sensacións, emocións, denuncias ou mensaxes que chegan a nós a través dos rostros da coleccións de arte ABANCA e Afundación, e que, sobre todo, capturan a esencia da humanidade para conectar as persoas a través do tempo e do espazo.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------