Cine Club Carballiño retoma as proxeccións este xoves co documental “A loita final” sobre o proxecto de Altri

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta semana volta a programación do Cine Club Carballiño con catro películas. O xoves 18 de setembro ofrecerase ás 20,00 horas, no Auditorio Manuel María, a proxección do documental “A loita final”, e contaremos coa presenza do seu director Enrique Banet e da súa produtora, Mabel Rivera. O filme céntrase en analizar polo miudo as repercusións de todo tipo (ambientais, económicas, de saúde…) que tería para o noso país a implantación da megafactoria de Altri en Palas de Rei. Posteriormente á proxección os autores estarán a disposición do público asistente para o debate. A entrada será gratuíta.

E xa o venres día 19 comezará un pequeno ciclo de tres películas, coa proxección en horarios de 20,00 (versión dobrada ao castelán) e 22,30 horas (VOS) do filme norteamericano “Gosthlight”, dirixido por Alex Thompson e Kelly O´Sullivan. Unha das pequenas xoioas que nos quedou sen oco para proxectar na tempada pasada e que queremos agora recuperar. Fermosa,  emotiva e tremendamente divertida, cautivou a crítica especializada e público.

O sábado 20, nos mesmos horarios, proxectarase “The apprentice. La historia de Trump”, filme canadiano dirixido por Ali Abbasi que se achega a figura do actual presidente dos USA a través da súa relación con Roy Cohn, un auténtico tiburón sen escrúpulos que ve en Trump o seu perfecto seguidor (non compre preguntarse o motivo). Tivo dúas nominacións nos Globos de Ouro e nos Oscar, así como no Festival de Cannes, e gañou cinco premios da cinematrografía canadiana, entre eles os de mellor película.

Cine Club Carballiño pechará este pequeno ciclo con “Sirat”de Oliver Laxe, o último gran éxito do cinema español, tanto de público como de crítica, gañando en Cannes o Premio do Xurado á Mellor película. Un filme absolutamente sorprendente e trepidante, que conta cunhas magníficas interpretacións de Sergi López e dun elenco de actores non profesionais. Neste caso, os dous pases, ás 20,00 horas e ás 22,30 horas, serán en castelán. 

E xa para rematar, dende Cine Club tamén comentan por riba as seguintes películas. Así, o mes de setembro clausurarase con “La historia de Souleymane”, unha marabilla premiada en diferentes festivais, e, xa en outubro, proxectaranse outros cinco filmes: “Mariposas negras”, gañadora do Goya á mellor película de animación; “Cómo hacerse millonario antes de que muera la abuela”,  mistura de drama e comedia tailandesa; “Por todo lo alto”, comedia  francesa con tintes dramáticos ambientada no mundo da música, gañadora do Premio do público no Festival de San Sebastián; “Cuando cae el otoño”, última película de François Ozon, e, finalmente, “Todo saldrá bien”, fermosísimo drama familiar hongkonés, en definitiva, moito cine e de moitas temáticas e nacionalidades diferentes.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------