O Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE), entidade dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, instalará en Ribadavia o seu stand itinerante os días 23, 24 e 25 de setembro. Trátase dun espazo que percorre toda España e no que a cidadanía —desde familias e menores ata alumnado de grao medio e superior, así como persoas sénior e empresas— poderá aprender dun xeito práctico e lúdico a importancia de aplicar boas prácticas na rede.
A iniciativa, que se desenvolve no marco dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiada pola Unión Europea– Next Generation, busca incrementar a cultura en ciberseguridade da poboación, fomentando un uso máis seguro e responsable das tecnoloxías dixitais.
O stand permanecerá aberto dende mañá, luns, no recinto do antigo colexio da Alameda da vila, en horario de 9,00 a 14,00 e de 16,30 a 19,30 horas, con actividades adaptadas a distintos públicos e acceso totalmente gratuíto. A duración media de cada experiencia será de 30 minutos por grupo. Esta iniciativa está orientada á participación de alumnado a partir de 4º de Primaria e tamén a estudantes de grao medio e superior, así como a todas aquelas persoas interesadas na mellora das súas competencias dixitais.
A ciberseguridade e a confianza dixital son dous dos grandes retos aos que se enfronta a sociedade actual. Por iso, INCIBE puxo en marcha #ExperienciaINCIBE, unha serie de accións itinerantes que percorrerán España durante tres anos, co obxectivo de sensibilizar, concienciar, educar e divulgar a importancia da ciberseguridade entre todos os usuarios.