O Barbaña: un río sufrido e calado

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Juan Antonio Cid Boo

Membro da Plataforma Rios Limpos

Ex-presidente e vogal da AVV. San Breixo de Seixalbo

Tal vez deba comezar este relato cunha reflexión: Como seres vivos, como sociedade racional, e na defensa da memoria do río Barbaña debémoslle unha desculpa, e que xa nunca máis se repita tanto mal que lle temos feito ou que deixamos que lle fixeran. No nome da Plataforma Rios Limpos, que foi no seu dia conformada por vinte e dous colectivos da Cidade de Ourense, e en calidade de membro da mesma, quero de maneira superlativa ¨pedirlle perdón¨

Chega o momento inversor da C.H.M.S. para sanear o Barbaña, cun montante de 37´74 millóns para un dos rios máis desprezados do Estado, de escasos catorce quilómetros e que nos derradeiros cinco do seu percorrido final foi reiteradamente agredido sen miramentos.

Para poñernos en contexto, debemos lembrar que a finais dos anos setenta nace o primeiro conxunto industrial en San Cibrao das Viñas a iniciativa, entre outros, de Caixa Ourense, co respaldo da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Concello de Ourense, Concello de San Cibrao das Viñas e, posteriormente, o Concello do Pereiro de Aguiar. Loable obxectivo para a creación de emprego mediante a instalación de industrias, creación de naves de actividade comercial, mercantil e económica pero cunha eiva ou disfunción desde o seu nacemento: onde se xestionarán e enviarán as augas residuais de cada empresa?

Por se non estiveramos facendo mal desde o principio ao medio ambiente, o exercicio 2009 marcou a diferencia para peor dende o propio enclave da depuradora xestionada pola empresa adxudicataria Espina e Delfin, encargada do control e tratamento das augas residuais dos tres polígonos: San Cibrao, Barreiros e Pereiro de Aguiar.

Todo ser vivo que fose quen de habitar no cauce do Rio Barbaña dende a depuradora  ata súa desembocadura no rio Miño na primavera do 2009 tiña que perecer. Non había humanos desfrutando das precarias augas, senón, posiblemente houbesen marchado tamén. A razón: o verquido de metais pesados e outros contaminantes enviados ao saneamento que a adxudicataria detectou, e que “seica” por non sufrir avarias cuantiosas nas tripas da propia depuradora, acordou desviar directamente ao dominio publico hidráulico empregando a técnica do ByPass (baipass, como dicimos por aquí)

A mortalidade de toda a fauna foi terrible. Na retina quedan aquelas imaxes de miles de peixes mortos desembocando no Miño. Diante da pasividade institucional, a veciñanza levou o tema á vía xudicial, promovida por A.V.V. Ponte Noalla, A.V.V. Parque Barbaña, e por A.V.V. San Breixo de Seixalbo representados polo noso querido y tristemente finadoavogado D. Cándido Soria Fortes, que loitou contra os reiterados intentos de arquivo, e defendeu o río fronte un gabinete xurídico sen parangón da adxudicataria Espina y Delfin.

Como anécdota, unha das preguntas claves na Vista Oral a un dos operarios: ¨¿Cuanto tiempo tardaron Vds. en volver a depurar a rendimiento pleno? – En diez horas estabamos a pleno rendimiento. Señoría, le han dado al By/Pass, es una evidencia”, sentenciou con contundencia o noso letrado Sr. Soria.

A adxudicataria foi sancionada cunha cantidade irrisoria, a ollos dos demandantes, que ingresou a C.H.M.S. por ser titular do dominio público fluvial. Cando menos, temos a satisfacción que foi útil para remover conciencias. Este necesario –e tardío- investimento que acaba de anunciar o BOE quizais teña a súa orixe nesa teima veciñal, e na profesional, altruísta e desinteresado labor do letrado Cándido Soria en beneficio do río, da cidade e do medio ambiente, polo que, a título póstumo, queremos darlle as grazas superlativas e expresarlle o noso recoñecemento. O río Barbaña, e tamén nós, estaremos de celebración cando as obras anunciadas estean en execución.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------