O PSdeG-PSOE de Cenlle acusa ao Partido Popular de ser o máximo culpable do pago de máis de 170.000 euros a Augas de Galicia por débedas e multas dun período comprendido entre os anos 2019 e 2021. As e os socialistas denuncian que a “neglixente” xestión do alcalde daquel entón, Gabriel Alén, e dos seguintes rexedores municipais provoca que o concello teña que asumir agora este pago das arcas municipais.
Dende o grupo municipal socialista explican que a pasada semana, o goberno municipal do PP convocou aos voceiros a unha reunión de urxencia para tratar e explicar a situación e dar a coñecer a existencia desta débeda con Augas de Galicia. “Explicáronnos que a secretaria apuntaba a cantidade que había que pagar en concepto de canon, pero este canón nin se pagaba por entón, e o que é máis grave, tampouco se leva pagando dende 2022, o que acareou recargos e multas”, apuntan as e os socialistas.
O PSOE de Cenlle sinala que xa en 2019, preguntaron ao entón alcalde Gabriel Alén polo pago deste canón, e o rexedor contestou entón que “si se estaba pagando”, pero tal e como subliñan as e os socialistas “este pago a augas de Galicia, as multas e os recargos deixan claro que non se estaba pagando e que Alén mentiu”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Cenlle, María Ángela González Pérez, afirma que “a situación é aínda máis grave, xa que tivemos coñecemento que o canon da auga segue sen pagarse, o que provocará que no futuro haxa novamente que pagar multas e sancións”. A edil socialista fai fincapé en que o pago de máis de 170.000 euros polo período entre 2019 e 2021 “xa non se pode solucionar e hai que abonar as sancións e un canon estimado”, pero esíxelle ao goberno municipal que “se poña as pilas xa para buscar solucións urxentes, resolver os pagos atrasados e que o concello non teña que asumir dentro duns anos outro pago de débeda e multas pola nefasta xestión dos gobernos municipais do PP”.
Durante o pleno municipal celebrado no día de onte, o PSdeG-PSOE de Cenlle botou de menos que o goberno municipal dese as explicacións pertinentes, como se fixo na reunión de fai unha semana. “Semella que como o pleno grávase, acoden veciños e é público, ao PP non lle interesaba tratar o asunto e limitouse a dicir que se estaba investigando e que xa se daría información, pero os máis de 170.000 euros ben que os pagamos”, subliñan as e os socialistas.
O PSdeG-PSOE de Cenlle anuncia que estudiará o tema con “detalle” e non descarta iniciar accións xudiciais ante o que consideran unha “neglixente” xestión por parte do PP. As e os socialistas esíxenlle ao goberno local que “se poña a traballar canto antes para emendar a situación que se arrastra dende 2022, xa que aínda hai prazo para facelo e evitar deste xeito futuras multas e recargos”.