“Quizais todo estea axudado polo bo tempo, pero continúa medrando día a día a asistencia de público a XVIII Mostra de Teatro Amador ‘Terras do Orcellón'”, apuntan dende Tiruleque Grupo de Teatro, que organiza este festival coa colaboración do Concello do Carballiño e a Deputación de Ourense.
Así, o programa continuará este vindeiro sábado, 18 de outubro, xa que acudirá ao Carballiño o grupo de teatro La Caja de Pandora, de Verín, para presentar a comedia “O atranco”, na que se amosan as cativas aventuras no facer diario de tres mulleres que se enfrontan á vida dende tres diferentes perspectivas, e nas que os primeiros cambios e oportunidades de mellorar comezan no mesmo momento en que se coñecen, precisamente polo sinxelo feito de atoparse. As situacións inesperadas van sorprendendo ás tres protagonistas, transformando as situacións, tensas nalgúns momentos, ata rematar nunha feliz amizade que parece resolver tódolos problemas.
A representación terá lugar ás 20,00 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño, co prezo da entrada a 5 euros.